O Parlamento foi rodeado, na mañá deste sábado, por unha gran marea reivindicativa convocada polas Marchas da Dignidade. "O Parlamento galego e os demais parlamentos de todo o Estado español foron secuestrados", denunciou o manifesto lido ao remate da mobilización,
que centrou as súas críticas no poder financeiro, "unha mafia" que "coa
principal colaboración dos dous partidos maioritarios, PP e PSOE, está a
roubar o que é do pobo para entregarllo ás grandes empresas". O
texto incidiu polo tanto na denuncia do control que o poder económico
exerce o poder político e as súas institucións, un control que lle resta
"lexitimidade" ao poder lexislativo e que xustifica a
necesidade "situar o debate e a contestación nos Parlamentos, no
europeo, no español, nos parlamentos autonómicos. Centros de decisión en
teoría democráticos que deixaron de selo".
A deste sábado foi unha manifestación diferente. Polo seu percorrido e
polo seu desenvolvemento, pois dende o seu inicio na estación de tren de
Compostela, os seus integrantes fóronse estendendo e desprendendo,
formando unha fileira no perímetro do Parlamento, coma unha longa corda
que se desenrolaba. Así, até rodear por completo o exterior da cámara.
Foi unha manifestación ruidosa, liderada polo berro de "pan, traballo e
teito" e a demanda de "dimisión", tanto para Alberto Núñez Feijoo coma
para Felipe VI.
Foi tamén moi significativo o papel dun grupo moi numeroso de
bombeiros, moitos deles dende hai meses no contexto de sucesivos
conflitos laborais polos seus dereitos, que non só lideraron a marcha en
moitos treitos, senón que formaron un eficaz servizo de orde.
De feito, outro dos berros máis escoitados foi o de "madeiros, aprendede
dos bombeiros", dirixidos cara ás dotacións de antidisturbios que
vixilaban a mobilización. E foi tamén unha manifestación chea de cor, de
bandeiras de todo tipo: republicanas, estreleiras, comunistas,
anarquistas, de Nunca Máis, ou das organizacións -da CUT a CGT,
pasando por SLG, Podemos, o Sindicato Ferroviario ou o STEG- que máis
se implicaron na súa convocatoria, apoiada expresamente por BNG e por
todas as forzas que compoñen AGE.
Manuel Camaño, un dos voceiros da plataforma, entende "que hai
unha clave frentepopulista e unha clave de unidade de clase e popular,
que nos obriga a todos os que pensamos que este sistema é inxusto".
Nos últimos días AGE chamou nun comunicado a secundar a convocatoria e a
demandar “solucións a esta situación de fame e pobreza a través da
“unidade popular” para destituír “a aqueles que non representan o pobo”.
E, de igual xeito, o BNG defendeu que a Cámara "ten que ser a
institución que recolla a voz da cidadanía acosada polas políticas de
recorte do PP en todas as instancias nas que goberna".
Neste sábado 21 houbo manifestacións semellantes ante os parlamentos de
todas as comunidades autónomas do Estado. Todas coa mesma demanda de
"pan, traballo e teito" e o obxectivo de "devolver o poder ás persoas",
como tamén lembrou o manifesto lido por unha activista das PAH, un texto que puxo en dúbida a lexitimidade que lles queda ás cámaras de representación: "ninguén
lexitimou os partidos que gobernan para dar ós bancos preto de
douscentos mil millóns de euros, ninguén lexitimou o goberno para que
permita que se desafiucen ás familias mentres os bancos dispoñen de
milleiros de vivendas baleiras, ninguén lles autorizou para facer
pública unha débeda que era privada, ninguén autorizou o goberno a que
siga as indicacións da Troika e ninguén autorizou un tratado de libre
comercio entre Estados Unidos e Europa que será un dos maiores ataques á
democracia en toda a súa historia".
A marcha pechouse coa lectura deste texto a uns poucos metros das portas da cámara, con berros de "non pasarán" e co emprazamento a unha nova manifestación ante o Parlamento para o vindeiro mes de novembro, continuando cun ciclo de mobilización que as Marchas da Dignidade e a columna galega do 22M iniciou precisamente ese 22 de marzo
que reuniu en Madrid centos de milleiros de manifestantes. Nos últimos
meses, ademais, o 22M mantivo unha actividade reivindicativa, centrada na denuncia dos elevados niveis de desemprego, na crise industrial, na defensa do dereito á vivenda e na loita contra os crecentes niveis de pobreza e exclusión social.
Ningún comentario:
Publicar un comentario