xoves, 26 de xuño de 2014

A CIG-Ensino defenderá no Consello Escolar de Galiza unha emenda á totalidade solicitando a retirada proxecto de decreto que estabelece o currículo de educación primaria

De non prosperar, a CIG-Ensino defenderá 59 emendas parciais dun total de 118 que se presentaron.

A CIG-Ensino defenderá no Consello Escolar de Galiza unha emenda á totalidade na que solicita a retirada proxecto de decreto que estabelece o currículo de educación primaria. “É inaceptábel que se pretenda ditaminar un decreto desta importancia unha vez rematado o curso, sen debate previo, co obxecto de aplicalo a partir de setembro”, explica Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino. “O despropósito é tan grande que o profesorado terá que elaborar a programación e organizar o curso escolar baixo uns currículos e normas que, no mellor dos casos, serán publicados no mes de agosto. Este proceder evidencia que a submisión da Consellaría de Educación aos mandados do Ministerio impídelle aplicar a LOMCE con criterios propios, pois, de telos, o primeiro a determinar sería adiar a súa aplicación, medida que xa tomaron diferentes administracións educativas”, engade.
Para a CIG-Ensino a actuación da Consellaría vén de amosar, máis unha vez, que ao Goberno galego pésalle máis a subordinación política ao Goberno central que o bo funcionamento do sistema educativo galego e a consideración profesional do profesorado.  Pretender aprobar uns currículos apresuradamente, sen o debate, a información e o contraste necesario e imposibilita a presentación de propostas para que sexan tomadas en consideración. Este era o obxectivo da Consellaría, pois no canto de convocar Mesa Sectorial Docente non Universitaria para tratar o decreto e posteriormente envialo ao Consello Escolar de Galiza, saltou todas as normas de tramitación e fixo todo o contrario: primeiro enviouno ao Consello Escolar de Galiza e, posteriormente, convocou Mesa Sectorial, coa única intención de cumprir un trámite formal e non facilitar a negociación para considerar as propostas sindicais.
Estamos ante unha proposta de currículos de costas á nosa realidade social, histórica e cultural, para continuar inculcando no alumnado galego descoñecemento e ignorancia de todo o que nos conforma e identifica como galegos e galegas. “Detestamos a descarada introdución de contidos e obxectivos mercantilistas e competitivos que van impregnar o sistema educativo, chegando a introducir a educación empresarial e financeira neste nivel educativo.  A demais observamos  como a nosa historia e a nosa realidade natural, cultural, artística, cando se contempla, é de xeito subordinado e como apéndice da española e nunca como integrante e constitutiva dunha realidade nacional, sinala Anxo Louzao.
A CIG-Ensino tamén rexeita que a Relixión continúe a formar parte do currículo escolar e que o adoutrinamento persista na escola. Desaparece para o conxunto do alumnado a formación e a educación en valores. Os valores sociais e éticos non poden converterse en alternativos á materia de Relixión, pois son contidos transversais que deben estar presentes en todas as materias e non poden estar limitados exclusivamente ao alumnado que non cursa Relixión.
A segregación da área de Coñecemento do Medio Natural, Social e Cultural en dúas materias suporía un paso atrás, xa que desterra un ensino-aprendizaxe globalizado, máis acaído para esta etapa educativa; substitúe a estrutura de ciclos por cursos e impide unha maior flexibilidade e adaptación á evolución e á madureza do alumno ou alumna.
“Estamos ante uns currículos sobrecargados de contidos, inalcanzábeis para esta etapa educativa e orientados a unha aprendizaxe memorística e academicista  que non asumen un ensino integral que forme persoas críticas e completas. Ante a presenza moi maioritaria do español como lingua vehicular do ensino e a galopante desgaleguización do ensino, nin sequera se recolle que as materias de Matemáticas, Ciencias Sociais e Ciencias Naturais se teñen que impartir en lingua galega”, sinala Anxo Louzao. “Na súa obsesión por seleccionar e estabelecer un sistema educativo fondamente clasista e selectivo, introdúcese unha proba final de etapa que en nada contribúe ao proceso de ensino-aprendizaxe, xa que está pensada para conducir, de maneira temperá, a que itinerario se debe dirixir o alumnado”, engade.
A CIG-Ensino presentou outras 59 emendas  ao proxecto de decreto, que defenderá na tarde de hoxe no caso de non aprobarse a emenda á totalidade.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario