xoves, 19 de xuño de 2014

Queres que mellore a formación en galego da poboación adulta? Pois dedícalle un minutiño...

Desde a Xunta de Galicia empeñáronse en poñer dificultades para a mellora do uso e prestixio da lingua galega, e semella que o queren seguir a facer, agora cun novo paso atrás na formación lingüística da poboación adulta.
Queres contribuír a que rectifiquen? Pois dedica #unminutopologalego...

Bótalle un ollo a este texto e, se estás de acordo, cópiao (podes modificalo ou personalizalo) e envíao por correo electrónico a sxpl.formacion@xunta.es:

Ante o proxecto de orde da Secretaría Xeral de Política Lingüística pola que se quere obrigar o profesorado de secundaria a encargarse da docencia dos cursos de galego preparatorios para as probas Celga dentro do seu horario laboral(http://www.xunta.es/linguagalega/arquivos/Orde%20Educacion%20galego.pdf),teño que alegar:

-Para a normalización da lingua galega é necesario un equipo estabilizado de profesorado específico para a formación lingüística da poboación adulta, tanto xeral como de linguaxes específicas (xurídica, administrativa, empresarial, publicitaria, etc.) atendendo á nosa realidade, que teña como obxectivo a normalización da lingua galega e seleccionado seguindo criterios de capacidade, mérito, igualdade e publicidade.

-Nos últimos anos estívose a formar e preparar profesorado específico para a docencia dos cursos Celga, do que agora se quere prescindir, o que, ademais de ser un novo paso atrás para a lingua, supón unha xestión irresponsable e ineficaz dos xa escasísimos recursos de Política Lingüística. Supón tirar pola borda traballo, planificación, proxectos e recursos.

-É necesario un plan de formación lingüística xeral e específico para os ámbitos empresarial, asociativo, xurídico, das novas tecnoloxías, publicitario, deportivo, etc., cunha programación de cursos e coa preparación de materiais e recursos específicos, o que sería posible facer contando con ese equipo docente estable. Cómpre entender a formación lingüística de persoas adultas como un medio para incrementar o uso e prestixio da lingua galega.

-Organizar os cursos nos centros de formación de persoas adultas supón, ademais, limitar a unhas poucas localidades do país a formación en lingua galega e, polo tanto, afastala de moita xente.

Deste xeito, pídolle á SXPL que rectifique, paralice esta orde e atenda as demandas necesarias para a mellora do proceso de normalización da lingua galega.




[Tamén podes copiar e pegar toda esta información e pasarlla por correo electrónico a outra xente, para que faga o mesmo, compartir a ligazón en Facebook ou Twitter, etc. #unminutopologalego]

Ningún comentario:

Publicar un comentario