Documentos anteriores ao ano 1936 localizados nunha viga situada nunha
construción anexa á residencia familiar da estirpe dos Cunqueiro na
Praza de Mondoñedo permitiron sacar á luz textos inéditos e debuxos do
escritor mindoniense.
O fondo documental presenta un estado de conservación deficiente polo
paso do tempo, a climatotoloxía e o propio lugar no que se gorecía.
Está dividido en tres bloques, o primeiro con escritos e imaxes
gráficas, o segundo, centrado en correspondencia epistolar; e o
terceiro, articulado en base á documentación orgánica do Partido
Galeguista e do nacionalismo galego en xeral.
Nun deses textos, Álvaro Cunqueiro di ''Chegamos de corazós de antigos
simpres, amábeles como fábulas ou peites vellos'', e unha estampa na que
se ve un arco iris, elemento que forma parte do léxico que el empregaba
nas súas obras, un cervo e unha mazá, froita pola que sentía auténtica
debilidade.
Ata o punto de que o experto César Morán reflexa, neste mesmo medio, que
a súa casa de Vigo, na que faleceu, sempre estaba chea de mazás, "que
tiñan que ser de Mondoñedo", un municipio lucense que nos seus traballos
era moito máis que un recurso.
Mazás, ás que se unían laranxas e, en ambos os casos, incluso
"esparexidas polo chan", ilustra este especialista, e sostén, acerca
deste descubrimento, que "sendo de Cunqueiro, todo o que apareza é
interesante", mentres que do lugar elixido para gardar este material,
opina que descoñece a razón, aínda que "pode ser que non fose polos
poemas, senón pola documentación política".
Ningún comentario:
Publicar un comentario