martes, 10 de xuño de 2014

A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia a colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística nun concurso literario en español

Lembra que a súa función é promover a lingua propia de Galiza, non actuar como sucursal do Instituto Cervantes.

Santiago de Compostela 8/06/2014. A Mesa pola Normalización Lingüística pedíulle explicacións ao Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, por actuar en contra dos principios que rexen o organismo público que dirixe ao participar recentemente no Premio Vitrales, un certame literario en español e galego, anunciado e convocado exclusivamente en español.

Para A Mesa pola Normalización Lingüística, esta é unha mostra máis da arrogancia en contra do galego coa que actúa a Xunta e máis concretamente a SXPL, colaborando nun concurso que promove o uso do español, cando o galego é a única lingua que ten obriga de promover, defender e  impulsar, e cuxa situación de inferioridade palmaria é a que motiva a mesma existencia da Secretaría Xeral que dirixe Valentín García.

O presidente da Mesa lembroulle a Valentín García, que na promoción do español actúan todos os días centos de organismos públicos entre os que se atopa o Ministerio de Cultura ou o Instituto Cervantes, cun orzamento notabelmente superior ao que ten a súa Secretaría Xeral,  polo que “se entende que ten que promover unha lingua distinta da galega, o que ten que facer é demitir e incorporarse a algún deste organismos, mais non actuar sistematicamente en contra da lingua galega”.

Marcos Maceira indicou que colaborando nestas actividades, a SXPL, non só atenta contra os principios que teoricamente motivan a súa existencia, senón tamén da lexislación autonómica, desde o Estatuto de Autonomía, á Lei de Normalización Lingüística, ou liñas de actuación como o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade no Parlamento galego sendo Vicepresidente da Xunta Alberto Núñez Feixó, e que o propio Feixó, coa inestimábel colaboración de Valentín García, despreza para aplicar o seu particular  Plan de Demolición da Lingua Galega.





Ningún comentario:

Publicar un comentario