A Confapa denuncia que decenas de nenos comeron este curso unha peza de froita nunha esquina mentres os seus compañeiros accedían ao menú do centro.
Acosadas pola crise, as familias galegas fixeron o esforzo requirido pola Xunta e achegaron no curso académico que agora finaliza 8,3 millóns de euros á Consellería de Educación pola extensión do copagamento dos comedores escolares. Coa decisión de Educación de recortar a gratuidade nun momento de especial debilidade económica, as familias víronse obrigadas a sufragar o 29% deste servizo. As que puideron, porque a Confederación de Asociacións de Pais de Alumnos (Confapa) "contrastou e verificou" situacións "tremendas" nalgúns colexios públicos galegos: decenas de nenos que, non podendo pagar este servizo, e sen dereito ao transporte escolar, quedaron este curso a xantar nunha esquina "un anaco de pizza da noite anterior que levaban de casa, ou unha peza de froita" mentres o resto dos seus compañeiros comía quente o menú nas mesmas dependencias dun colexio público.A Confapa describe casos como este no informe que entregará nos próximos días aos conselleiros de Benestar, Beatriz Mato, e Educación, Jesús Vázquez. A confederación de Anpas pretende non só alertalos de "as graves consecuencias" dos recortes que impuxeron dende os seus respectivos gabinetes, senón cominalos a que colaboren no mantemento dos comedores escolares en verán despois de que o PP apoiase, aínda que matizándoa, a iniciativa parlamentaria de AGE neste sentido.
"Hai pobreza severa e menores con graves problemas de alimentación, pero isto é algo que a Xunta debería saber sen necesidade de ler o informe que nos pediu nin outros dos que dubidou, como o de Cáritas; só ten que buscar nos seus propios ficheiros o número de parados, o número de familias que cobran a axuda de 400 euros cos que non se pode alimentar a unha familia e o número dos que xa deixaron de cobrala, sentencia a presidenta da Confapa, Helena Gómez, "moi alarmada" pola situación de risco de moitos menores.
O informe deste colectivo que aglutina ao maior número de Anpas de centros públicos de Galicia cuantifica os "problemas severos" de alimentación (e tamén de vestiario) detectados nos escolares galegos: máis de 800 están en risco de exclusión e a maioría teñen bolsas para o comedor, o que evidencia que agora que este servizo se pecha por vacacións "non" farán xa nin unha comida completa o día".
O demoledor reconto da pobreza entre escolares foi realizado polas Anpas que xa durante este curso, ao detectar o drama, se puxeron a encher como puideron as neveiras dos colexios dalgúns produtos básicos para os alumnos sen recursos e excluídos do comedor gratuíto polo decreto do copagamento. As asociacións integradas na Confapa puideron constatar, por exemplo, 115 casos de nenos en situación límite en colexios da costa da provincia da Coruña e máis dunha trintena nun só centro da periferia de Ourense.
"Nas vilas ou nos arredores das cidades esta situación faise máis visible que nas cidades, onde as propias familias intentan ocultalo, ou que no rural, onde a axuda veciñal e as hortas tenden a paliar algo o problema", explica Gómez o problema á espera dunha reacción da Xunta. "O Goberno galego ten que facer algo agora que os Concellos están comprometéndose a desenvolver iniciativas para que os escolares con problemas poidan facer polo menos unha boa comida diaria durante os meses de verán".
O PP avalou no Parlamento a proposición non de lei presentada por AGE para instar á Xunta a asinar convenios cos Concellos para abrir dende este mes comedores en centros educativos que poidan garantir a alimentación de nenos en risco de exclusión. Pero os populares emendaron o texto recomendando subministrar os alimentos ás familias que os necesiten "para evitar a visibilidade da pobreza"; isto é, para evitar a estigmatización dos nenos que acudan aos centros en verán. Unha tese que subscribe o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia que reproba que os grupos parlamentarios buscasen "unha mala solución" a un problema que non é outro que o do aumento da pobreza en Galicia".
A presidenta deste colectivo profesional, Marta Capeáns, sinala nun comunicado que a apertura de comedores gratuítos en verán "estigmatiza os pobres, atenta contra a dignidade dos menores e non é máis que un mal parche". Cre Capeáns que a solución pasa porque a Xunta aumente de forma "real, efectiva e práctica" a partida de axuda de emerxencia social para que os nenos "poidan comer nas súas casas coa súa familias ". Similar é a valoración da Confederación de Anpas Galegas, paralela á Confapa. O seu secretario, Fernando Lacaci, comparte a tese do PP e dos traballadores sociais. Cre que os comedores en verán estigmatizarán os nenos con problemas e sostén que non son eles os pobres, senón as familias "que é ás que a Administración debe dirixir as axudas".
Pero nin á Confapa nin a AGE lles preocupa tanto a visibilidade da fame como a fame. "Sería estupendo que non se visibilizara a pobreza, que non se estigmatizara a ninguén, que a Xunta aumentara e pagase estas axudas ás familias, pois claro que estamos de acordo, pero de momento o que urxe é que os nenos en situación de risco se alimenten e que o fagan xa: non poden esperar dous meses a que a Administración mova a maquinaria", sostén o deputado de AGE Ramón Vázquez, autor da iniciativa parlamentaria. Tanto Vázquez coma a presidenta da Confapa sosteñen que os nenos que comen un sándwich frío nunha esquina do colexio mentres os seus compañeiros se sentan a uns metros a unha mesa con comida quente "xa foron degradados na súa dignidade e estigmatizados durante todo o curso".
A presidenta da Confapa asegura que a fórmula para garantir unha comida diaria a estes alumnos é sinxela e xa a aceptaron algúns Concellos: trátase de abrir os CEIP municipais e organizar neles campamentos e ludotecas co imprescindible e gratuíto comedor no medio das actividades. E a Confapa espera a urxente colaboración da Xunta que, mentres tanto, anuncia a ampliación en 1.400 comensais para o próximo curso escolar e a licitación de comedores de xestión indirecta (suprime cociñeiros para contratar servizos de cátering nos colexios, a maioría do rural, onde non se alcanzan os 20 comensais).
"Cando se fala de aumento de prazas de comedor debe quedar claro que as pagan as familias", explica o parlamentario de AGE puntualizando que a Xunta "non" amplía o servizo público; o que amplía é o negocio dos comedores que distribúe entre as empresas mentres converte os usuarios en clientes". E pon de exemplo o peche do comedor de Manzaneda que "non só supón entregar o negocio da alimentación escolar a unha empresa privada, senón empobrecer a unha bisbarra que servía os produtos frescos ao colexio".
Ningún comentario:
Publicar un comentario