mércores, 11 de xuño de 2014

A CIG-Ensino afirma que o conselleiro continúa instalado na mentira, na propaganda e no desprezo ao profesorado

O seu único obxectivo é actuar como vasalo de Madrid para aplicar a LOMCE, aínda que sexa a conta da educación pública.

“As declaracións feitas públicas hoxe polo conselleiro de Educación están baseadas en mera propaganda xa que continúa ancorado no autoritarismo e na imposición. Minte cando fai as chamadas á negociación, cando toda a tramitación e agora o desenvolvemento da LOMCE furtou calquera tipo de debate e negociación. O único que lle move a este conselleiro e a total submisión e vasalaxe aos ditados de Madrid”, explica Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino.
Mostra disto é que en lugar de aprazar a aplicación da LOMCE, como teñen previsto outras administracións educativas non ten conveniente en aplicar os novos currículos de Primaria e Formación Profesional Básica para o curso que vén, aínda que sexan publicados no mes de agosto para entrar en vigor en setembro, mes no que o profesorado vai ter que empregalos para facer as programacións e os centros organizar o novo curso, engade.
A única verdade é que a Consellaría enviou á Mesa Sectorial o decreto de Formación Profesional Básica cos seus correspondentes currículos unha vez que xa estaban ditaminados pola Permanente do Consello Escolar de Galiza, e que polo tanto calquera resultado da reunión da Mesa non tería ningunha consecuencia. Igual sucede co decreto de currículos de Primaria que xa están enviados para ser ditaminados polo Consello Escolar de Galiza. Tratábase polo tanto dun mero trámite e dun lavado de cara, ao cal a CIG-Ensino non está disposta a contribuír.
Se houbera vontade de contar coa opinión do profesorado iniciaríase un debate sobre os propios currículos con tempo suficiente, terían que ser levados a un proxecto de decreto que tería que pasar pola Mesa Sectorial e posteriormente o Consello Escolar de Galiza.
Por outra banda, estamos ante uns currículos baseados nuns principios mercantilistas, academicistas, que se afastan da nosa realidade cultural e histórica e impregnados de ideoloxía neoliberal, nos cales se desterra a educación e valores, se profundiza na confesionalidade do ensino e se pretende atiborrar ao alumnado de contidos inancanzables.
“Emprazamos ao conselleiro para que amose un mínimo de sensibilidade e interese polo ensino público, que pasa por adiar a aplicación da LOMCE e iniciar un proceso de información e debate que revirta positivamente no sistema educativo galego. Ao tempo esiximos que cese cos seus ataques ao profesorado e aos seus lexítimos representantes”, engade Louzao.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario