“Menos relixión e máis educación!”, “A Xunta de Galiza recorta e privatiza” ou “O ensino é un dereito e non un privilexio” foron algúns dos berros que se sentiron na concentración contra a LOMCE da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público.
Reuníase o Consello Escolar co currículo da FP Básica sobre a mesa e a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público mostrou cunha concentración ás portas a súa esixencia de paralización á aplicación da LOMCE.“Esta lei é unha Wertgoña”, “Menos relixión e máis educación!” “A Xunta de Galiza recorta e privatiza” ou “O ensino é un dereito e non un privilexio” foron algunhas das consignas que se corearon ás portas do Consello Escolar nunha concentración na que se demandou unha lei galega de Educación e se rexeitou a falta de negociación da Xunta no ámbito do ensino e, de maneira especial, no que se refire aos currículos da LOMCE. Criticouse desde a Plataforma a imposición dun ensino que afastaba da nosa realidade histórica, cultural e lingüística e que,pola contra, insiste na confesionalidade do ensino, afondando tamén nunha ideoloxía neoliberal imposta.
A CIG-Ensino defendeu no Consello Escolar unha emenda á totalidade na que solicitou a retirada do proxecto de Decreto que regula a FP Básica recollida na LOMCE porque pretende, segundo sinalou, “segregar o alumnado no ensino obrigatorio e conformar un sistema a educativo estratificador, clasista e selectivo”. 17 votos en contra e 16 a favor foi o resultado da votación das emendas á totalidade.
Argumentos para unha emenda á totalidade
A central nacionalista fundamentaba a súa oposición ao decreto, entre outros, na carencia de debate e participación do profesorado, na improvisación, en que se quere aplicar o curso que vén sen que haxa negociación en n coñecemento, no incremento da privatización e implicación das empresas, na ratio excesiva de 30 alumnos por aula, en que non asegura os mínimos en lingua galega e na reducida oferta de ciclos e servizos.
“A situación é tan esperpéntica que o profesorado terá que impartir para o vindeiro curso unha nova modalidade de FP cos seus títulos correspondentes, que se publicará -no mellor dos casos- en Agosto, candos/as docentes teñen que ter as programacións feitas e o curso organizado e en funcionamento no mes de setembro”, sinalou o secretario nacional da CIG-Ensino Anxo Louzao.
Para a Plataforma Galega en defensa do Ensino Público a Consellaría” está actuando con precipitación e improvisación, para pregarse aos ditados do Goberno central”. Insisten así en que non se aplique a LOMCE na Galiza e que se adíen os proxectos aprobados por decreto que, segundo apuntaron, “moi dificilmente van estar preparados para seren utilizados polo profesorado no inicio do curso, momento en que teñen que elaborar as programacións”.
AS-PG, CIG-Ensino, Comités, Liga Estudantil Galega, Federación Provincial de ANPA de Lugo (FAPACEL), Federación de ANPA de Compostela, Federación de ANPA da Costa da Morte, a Federación de ANPA de Ferrolterra (FEANPAS), Movemento Dezao en Defensa do Ensino Público, Agir, Sindicato de Estudantes, BNG, Galiza Nova e a Federación de ANPA de Ponteareas (FANPO) integran a Plataforma pola Defensa do Ensino Público.
Ningún comentario:
Publicar un comentario