A Mesa pola Normalización Lingüística esixe a retirada do anuncio de Viajes El Corte Inglés no que se promociona “el único pueblo de Galicia donde solo se habla inglés”
Un anuncio aparecido na prensa galega promove campamentos de verán co reclamo de “el único pueblo de Galicia donde solo se habla inglés”. A publicidade é de Viajes El Corte Inglés, a quen se dirixe a Mesa pola Normalización Lingüística (MNL) para pedirlles que retiren un lema do que se preguntan “que pode ter positivo que en Galiza exista un lugar onde non se fale a lingua galega?”.O anuncio de El Corte Inglés, inserido en español, é para o presidente da Mesa, Marcos Maceira, “un auténtico desprezo ao conxunto da cidadanía galega, pretender utilizar como reclamo a suposta desaparación do galego dunha parte do seu territorio”. Lembra Maceira que o galego é lingua propia e oficial de Galiza, condicións que non cumpre o inglés.
“Aprender linguas sempre é positivo para achegármonos a outras culturas e a outros pobos, non, como pretende El Corte Inglés, para rematar coa diversidade lingüística no mundo e, concretamente en Galiza, eliminar a nosa, a lingua do seu territorio, utilizando o inglés como coartada”, defenden desde a MNL para quen o aprendizado das linguas “ten que partir da valoración da propia, non da súa exclusión e eliminación”. Instan así a Viajes El Corte Inglés a eliminar o anuncio e cambialo por un que respecte o país e o seu idioma xa que, segundo denuncian, “non se poden consentir mostras tan claras de supremacismo lingüístico como o que reflicte”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario