xoves, 5 de xuño de 2014

Na Semana do Medio Ambiente: Bosques e costas, a nosa identidade

O vindeiro 5 de xuño celébrase en todo o mundo o Día Mundial do Medio Ambiente. Para ADEGA todos os días están adicados ao noso medio, mais como nesta semana celébrase tamén o Día dos Océanos (8 de xuño) unimos as dúas reivindicacións e preparamos unha serie de actividades que abranquen á terra e ao mar.

Comoqueira que as nacións Unidas propoñen para este ano centrar a atención nas consecuencias na suba do nível do mar teñen determinadas actividades humanas, en ADEGA imos intervir nestas dúas frontes.

Cousa de Raíces: en defensa dos nosos bosques autóctonos

O domingo 8 de xuño presentarase en sociedade a campaña “Cousa de Raíces” para reivindicar a importancia de conservar os nosos bosques autóctonos. Será o domingo na Eira da Xoana (Ramil, Agolada) a casa de ADEGA no Alto Ulla e que vén acollendo dende hai 6 anos unha manchea de actividades ambientais e culturais.

O principal obxectivo da campaña é aumentar a conservación das nosas masas autóctonas e o coñecemento sobre a súa necesaria existencia, tamén como recursos produtivos e de criazón de emprego.
Pretendemos tamén facer presión mediática e política sobre as administracións para que cumpran coa normativa existente e garantan a conservación efectiva do noso bosque autóctono.

A nivel social, pretendemos impulsar unha concienciación positiva do valor das árbores autóctonas en sentido pleno: económico, cultural, ambiental.. Non esquecemos tampouco as graves ameazas que afectan xa a estes valiosos espazos: lumes, eucaliptización, biomasa, cultivos enerxéticos, talas a matarrasa...

Queremos contar con todos os colectivos, organizacións e persoas que así o desexen, tendo como nexo de unión o lema ”Cousa de raíces”. Baixo este enfoque común, as accións poderán ser divulgativas, formativas, educativas, reivindicativas, produtivas, etc.

Día dos Océanos: mares sen plásticos, mares con vida



Polo que atinxe ao noso mar e aproveitando que nesta semana celébrase tamén o Día dos Océanos, organizamos por terceiro ano consecutivo a Limpeza Simultánea de Praias en toda Galiza. Será os días 6, 7 e 8 de xuño en máis de 27 localizacións de toda a costa e contaremos coa colaboración de confrarías, centros de ensino, clubes deportivos, concellos e asociacións de todo tipo e o apoio da “Fundación Biodiversidad” do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (MAGRAMA).

O lixo mariño é un dos graves problemas ambientais aos que se enfronta o planeta, pola insustentabilidade dos modelos de consumo, as malas estratexias na xestión dos residuos, a falta de sensibilización da poboación e as erradas políticas públicas. Todo iso fai que cada ano 10 millóns de toneladas de lixo rematen nos océanos. Moito deste lixo provén da industria do mar (pesca, extraccións...), pero unha grande parte chega a través dos ríos, debido a unha mala xestión en terra.  
Nesta Semana do Medio Ambiente facemos unha chamada á poboación para implicarse activamente na defensa da nosa terra e do noso mar, dos nosos bosques autóctonos e do noso litoral. Queremos promover unha mudanza de conciencia cidadá para acadar unha masa crítica que nos permita seguir mantendo a nosa “identidade natural colectiva”, representada polos bosques e os mares galegos.

Ligazóns

Descargas

Ningún comentario:

Publicar un comentario