venres, 6 de xuño de 2014

Música e humor súmanse á loita contra a LOMCE e os recortes na educación

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público realizou unha nova xornada de actos reivindicativos por todo o País.

 

Música, teatro, maxia e intervencións artísticas do máis variado déronse cita esta tarde nas sete cidades, Carballo e Cee nos actos convocados pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público en rexeitamento á LOMCE e ao conxunto de recortes aplicados polos gobernos do PP. Estes actos lúdico-reivindicativos, e de marcado ton paródico, dan continuidade ás mobilizacións que a Plataforma vén realizando en contra dunha lei “profundamente lesiva para o ensino público galego” e que, segundo as previsións, comezará a implantarse a partir do curso 2014-2015
Galería de imaxes
Galería de imaxes da PGDEP

Malia ter sido aprobada, a Plataforma Galega non vai abandonar a loita contra a LOMCE e vai exixirlle, de novo, á Consellaría de Educación que non a aplique porque impide un ensino en galego, equitativo e inclusivo. Neste senso, nos actos realizados esta tarde incidiuse no carácter recentralizador, desgaleguizador, elitista e clasista da LOMCE, que deseña un sistema educativo “ao servizo da patronal do ensino privado concertado e da Conferencia Episcopal e desbota a xestión democrática dos centros”.
Nunha mostra máis do Goberno da Xunta ser a avanzadilla das directrices de Madrid, a Consellaría de Educación iniciou a aplicación da LOMCE coa publicación da orde de nomeamento das direccións para os centros escolares, acelerando a aplicación dun dos aspectos máis antidemocráticos da lei: a liquidación da participación efectiva do claustro e do Consello escolar na elección da dirección do centro.
Neste contexto, a Plataforma Galega lanzou un chamamento a toda a comunidade educativa (ANPA,  profesorado e alumnado) para que combatan activamente a LOMCE, negándose á aplicación dos aspectos máis lesivos.
Reclamouse tamén á Consellaría de Educación que non se modifiquen os libros de texto e que se recupere a súa gratuidade, evitándolles ás familias un gasto moitas veces inasumíbel; que non se siga recortando no ensino;que non se reduza o número de postos escolares nin de unidades; que non se diminúan os recursos económicos dos centros, nin se reduza profesorado.
Dende a Plataforma rexéitase que, mentres se suprimen unidades no ensino público, se continúe subvencionado o ensino privado concertado con preto de 250 millóns de euros do erario público, cada ano, mesmamente en niveis non obrigatorios e en centros que segregan alumnado por razón de sexo.

A LOMCE no vindeiro curso

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público enmarca estes actos nas mobilizacións contra a LOMCE que vén desenvolvendo desde hai dous anos porque, segundo explicou Anxo Louzao, portavoz da plataforma e secretario nacional de CIG-Ensino, “aínda que xa está aprobada, o PP pretende aplicala de maneira trapalleira e de forma insólita, xa que mesmo quere ditar proxectos de Decreto en base a Reais Decretos do Estado que aínda son só borradores”.
A modo de exemplo sinalou o ditame que se vai elaborar sobre a Formación Profesional Básica. Un decreto de ámbito galego fundamentado nun R.D. a nivel de Estado que non está nin publicado. “É a mostra máis evidente de que a propia administración incumpre a máis mínima legalidade e de que quere evitar calquera tipo de negociación”.
De feito, Louzao adiantou que este xoves irán á Mesa Sectorial os currículos de primaria e para o próximo día 12 haberá Consello Escolar de Galiza para presentar un decreto para a nova F.P. “sen ningún tipo de debate, sen información e de maneira apresurada”.
Tanto é así que se pretende que para o vindeiro curso escolar estes novos currículos estean xa vixentes, pero o profesorado non os terá até xullo ou agosto, en plenas vacacións, e terá que elaborar as programacións para Primeiro, Terceiro e Quinto de Primaria e para FP Básica en pleno verán ou con 15 días de antelación. “Estamos diante dunha actuación á desesperada e de total desconsideración cun servizo público como o ensino e co propio profesorado”, denunciou.
Por iso demandou da consellaría que se adíe a aplicación da LOMCE no que ten que ver coas cuestións que se terían que aplicar xa para o curso que vén, seguindo o calendario, como están a facer Euskadi e Catalunya que nin van aplicar a FP Básica nin os currículos de Primaria.
En todo caso, Louzao asegurou que a Plataforma seguirá a se mobilizar para que os centros non a apliquen na práctica e considerou que foi grazas á mobilización que a consellaría manteña Educación Artística e que se reduzan dúas horas de relixión respecto da carga horaria que tiña agora. “É totalmente insuficiente pero, polo menos, non se avanza no sentido contrario”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario