Un libro recolle o pensamento do antropólogo Lévi-Strauss para “contrarrestar” con "ideas e argumentos" a situación de debilidade que está a sufrir este idioma.
“A defensa do noso idioma é unha batalla fundamental dun obxectivo máis
amplo, a supervivencia da nosa cultura, o cal á súa vez se enmarca no
contexto da interacción entre as diversas identidades culturais do noso
planeta”. Así comeza o limiar de “Ás voltas coa diversidade cultural: as
conferencias de Claude Lévi-Strauss para a Unesco”,
un libro no que traballaron José M Anguita Jaén, José M Álvarez-Castro e
María Xosé Rodríguez Valcárce, que recolle parte das intervencións
deste gran antropólogo.
E é que un dos principais obxectivos é demostrar como a lingua é
fundamental na pervivencia dunha cultura. “Tanto a tentativa de
preservarmos en xeral a diversidade cultural como a de mantermos viva en
concreto a nosa lingua veñen sendo obxecto nos últimos tempos de
agresións máis ou menos explícitas, máis ou menos bastas, mais nunca
inocuas”, apunta o autor.
Por iso, neste volume, recóllense as conferencias que Claude
Lévi-Strauss elaborou por encomenda da UNESCO contra o racismo, sentando
as bases dunha civilización mundial na que as diversas culturas poidan
perpetuar a súa orixinalidade de xeito harmónico. “Estamos daquela a botar man de décadas de esforzo internacional
na procura dun consenso sobre diversidade cultural, e a empregalas como
compás co que navegarmos en galego no mar da civilización mundial”,
engade.
“Presión mediática”
En parte, a situación lingüística deteriorase pola “presión mediática
da factoría neoliberal” que “conta coa infraestrutura dos lobbies da
desinformación”. “No caso concreto da defensa da nosa cultura, moi nomeadamente da nosa lingua,
temos visto como, sobre todo dende os tempos da busca e captura do
bipartito, se artellaron estratexias neoliberais de presión mediática
con argumentos completamente falaces, pero disfrazados de sentido común a
través do concepto de defensa das liberdades individuais (las lenguas
no tienen derechos, etc)”, sinala o autor.
Por iso, esta obra tenta “contrarrestar” estes ataques. “Con este libro, propómonos daquela voltar ó terreo das ideas e dos argumentos
dun xeito accesíbel; propómonos apelar á ecuanimidade a través da
presenza de interlocutores neutrais....Existen unhas directrices
consensuadas que están en total desacordo cos contidos dos ataques dos
que estamos a ser obxecto. Con este libro, queremos pór este problema de
manifesto. Unha das directrices que nos pode valer de exemplo é a de
que non existe tolerancia pasiva”.
O libro, que conta coa axuda da Deputación de Lugo, foi presentado no
Museo Provincial de Lugo a finais do pasado mes dentro do ciclo "Maio de
Lingua" organizado por esta institución. Aínda non teño datas/lugares
para as vindeiras presentacións do libro. Non dubides en preguntarme
calquera dúbida que che quede, ou en pedirme máis información sobre
calquera punto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario