mércores, 5 de outubro de 2016

Aprender a crear videoxogos con só sete anos

O Colexio de Enxeñaría Técnica en Informática organiza en Vigo e Ourense un obradoiro de programación para cativos

Despois de estar na Coruña, os obradoiros de programación de videoxogos con Scratch, organizados polo Colexio de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia coa colaboración da Amtega, chegan esta fin de semana a Vigo e Ourense. Escolares destas dúas cidades, con idades comprendidas entre os 7 e os 15 anos acompañados polos seus pais ou nais, participarán o venres 7 (Vigo) e o sábado 8 (Ourense), nesta actividade organizada co obxectivo de difundir os valores da programación informática na comunidade escolar. As dúas sesións tamén incluirán formación para docentes. O vindeiro día 15, a actividade desprazarase a Santiago de Compostela.
Deste xeito, os rapaces e rapazas poderán achegarse á programación informática a través dos cursos de Scratch promovidos pola entidade colexial. A iniciativa, apuntan, ten o obxectivo de ampliar progresivamente o número de escolares de Galicia que acceden “de forma lúdica e divertida ao coñecemento da programación informática como ferramenta didáctica, tomando conciencia da súa potencia como medio de expresión creativa”.
Os asistentes aprenderán co Scratch, unha ferramenta de introdución á programación
O Scratch, sinalan os promotores da iniciativa, é unha ferramenta baseada en pezas encaixables que serven para construír pequenos programas que permiten iniciar ao alumnado na linguaxe de programación dun xeito simple e intuitivo pero eficiente. A participación no taller supón, engaden, tanto para docentes como para escolares a aprendizaxe da utilización de Scratch como factor creativo e motivacional, utilizado con obxectivos didácticos. As sesións terán lugar de 17 a 21 horas, no caso de  Vigo (sede de Afundación), e de  9.30 a 14 horas en Ourense (Escola Superior de Enxeñaría Informática), e están estruturadas en dous niveis que se desenvolverán de xeito simultáneo. Un deles será para rapaces e rapazas, acompañados durante a sesión de pais ou nais, e outro para docentes.
Desde o Colexio de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia salientan a importancia de contar cun maior número de formadores especializados para poder ampliar a oferta formativa de Scratch en Galicia, tendo en conta os bos resultados ofrecidos nas edicións anteriores desta iniciativa. Por este motivo, mentres os escolares aprenderán a programar videoxogos, historias interactivas e “storytelling” no taller previsto para eles, nunha sesión simultánea un grupo de docentes non universitarios adquirirá os coñecementos necesarios para intervir como monitores en futuros eventos relacionados co Scratch. A inscrición neste curso é de balde ata esgotamento de prazas.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario