luns, 3 de outubro de 2016

O Apego polo galego na infancia chega xa a milleiros de familias en 23 concellos que serán máis

Milleiros de familias de 23 concellos incorporan o galego á crianza das súas fillas e fillos a través do proxecto Apego. Impulsado pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), o proxecto puxo en marcha toda unha serie de medidas para facilitar a transmisión da lingua galega á infancia de entre 0 e 6 anos e a súa socialización nela. Tras o pulo dos once concellos fundadores (A Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago e Vigo), doce máis uníronse no pasado abril (A Coruña, Ames, Mazaricos, Moaña, Muros, Oleiros, Ponteceso, Rianxo, Ribadeo, Teo e Vimianzo). Estes últimos veñen de comezar nestes días o traballo "efectivo" coa veciñanza interesada e a completar un mapa que atinxe xa o millón de habitantes.
Os doce concellos adheridos na pasada primavera comezaron xa o traballo "efectivo" coas familias e uníronse aos once impulsores
Nel Vidal, técnico de Normalización en Carballo e que fora presidente da CTNL até este mesmo ano, amosa a "satisfacción" pola marcha de Apego, iniciativa que levan a cabo os Servizos de Normalización de cada un dos concellos adheridos. "Recibimos as familias cunha caixa de benvida para os pequenos, pero quedamos sorprendidos porque todo o mundo mostra  un interese moito máis fondo que o agasallo: a necesidade real de axuda no ámbito lingüístico, a busca de espazos de socialización en galego, de que os seus nenos se relacionen con outros na lingua propia...", explica.
Antes do verán, xa eran máis de mil as familias apuntadas no Apego, que "funciona moito mellor en vilas medias"
O número de familias que están apuntadas no proxecto é difícil de calcular, ao írense incorporando aos poucos e cada pouco tempo, pero antes do verán xa eran máis de 1.000. Agora, moitas máis. E subindo. "A resposta foi moi boa, aínda que desigual segundo o tipo de concellos", explica Vidal, que advirte que Apego "funciona moito mellor en vilas medias", como Narón e Carballo. "Proporcionalmente participa moita máis xente". En ambas as dúas, hai xa uns meses, as familias apuntadas eran máis dun cento. "Son poboacións crecentes, con máis nacementos que a media, e nelas tamén a relación co Concello é moito máis directa e estas iniciativas son máis coñecidas", explica.

Con todo, Apego continúa a medrar e o éxito que acada nos concellos fai que outros se interesen polo proxecto. De feito, xa hai "catro ou cinco" máis interesados en sumarse á rede, pero non será até 2017 cando a súa entrada sexa efectiva ante a necesidade de conseguir o material e preparar o proceso. "Non é simplemente repartir as caixas de benvida ou que a xente se anote, senón que é un traballo que implica entrevistas coas familias e unha loxística", engade Vidal, que advirte, por exemplo, que é "conditio sine qua non que haxa un técnico dedicado a desenvolver a iniciativa", polo que os municipios que carecen de Servizo de Normalización non poden adherirse. Ademais, no caso dos materiais empregados, "son encargados e feitos especificamente para o Apego", polo que é necesario tempo e previsión para facer os encargos.
Catro ou cinco concellos xa manifestaron a súa intención de unirse á rede en 2017
O obxectivo: "aumentar a porcentaxe de nenos e nenas que reciben o galego desde o berce e arroupar o seu uso no proceso de socialización ata os 6 anos". Para logralo, as familias reciben cadansúa caixa con información e recursos en galego e, periodicamente, información e propostas "para que os seus fillos e fillas se acheguen á lingua e á cultura galegas con naturalidade desde as primeiras idades". Hai recursos na rede e os concellos tamén publican materiais específicos para divultar as ofertas de actividades infantís ou reforzan convocatorias onde os cativos gozan, aprenden e se relacionan na lingua propia.
Na Coruña, por exemplo, foron xa 30 as familias que antes de comezar as actividades específicas se interesaron e apuntaron no proxecto, ao que se poden ir incorporando máis veciños paseniñamente sen prazo ningún establecido. Co medre da iniciativa e as novas incorporacións, Apego está a producir novos recursos, como pezas audiovisuais para difundir nas redes e "transmitir os obxectivos do proxecto, explicarlles o funcionamento ás persoas que desexen sumarse e divulgar de xeito atractivo algúns contidos que, ben seguro, as nais e pais han considerar útiles (unha canción para ir durmir composta especialmente para este proxecto, xogos de dedos, os sons dos animais, as cores, as froitas, como atar os cordóns…)".

Únete ao Apego, pola lingua

© Apego

Ningún comentario:

Publicar un comentario