martes, 4 de outubro de 2016

A banda larga predomina nos accesos galegos á Rede dende o fogar

Un 78,1% dos fogares de Galicia están conectados á Rede mediante banda larga, un 4,1% máis ca no ano 2015, o que sitúa á Comunidade a 3,1 puntos da media estatal, igualando o ritmo de crecemento que rexistra a media estatal segundo os últimos datos publicados hoxe polo Instituto Nacional de Estatística sobre equipamento e uso das Tecnoloxías da Información e Comunicación nos fogares en 2016, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), dependente da AMTEGA.

Tipo de conexión e hábitat

Segundo os datos que ofrece o INE, o 74,3% dos fogares galegos dispón dalgún ordenador, o que supón un incremento do 1,8% con respecto aos datos do ano anterior, aínda que por debaixo do 77,1% da media estatal. Respecto ao tipo de conexión, cabe salientar que entre as vivendas que dispoñen de acceso á Internet en Galicia, un 87,8% accede a través de dispositivos de man (teléfono móbil, tableta...), 7,7 puntos máis que a media estatal.
Respecto aos datos relativos ao tamaño do hábitat, é salientable que, por primeira vez, nos concellos con poboación de máis de 20.000 habitantes, a media galega supera á estatal nos 3 indicadores principais: vivendas con ordenador, con acceso á Internet e con banda larga. Así, nestes concellos, a porcentaxe de vivendas con internet e conexión de banda larga sitúase por riba do 83%.
Por outra banda, nos concellos galegos de menos de 20.000 habitantes a conexión de banda larga medrou máis dun 4,4%, porcentaxes similares ao crecemento da media estatal.

Uso das TIC

O 74,6% dos galegos utilizaron a Internet nos tres últimos meses, cun incremento do 3,6%, con respecto ao ano anterior, superior ao crecemento do conxunto do Estado (2%). Isto permite reducir a fenda neste indicar en 1 punto porcentual
Un 30,4% da poboación galega adquiriu algún produto ou servizo a través da Internet nos últimos tres meses, situándonos a 4,5 puntos da media estatal (34,9%) e experimentando un crecemento do 1,3% respecto ao ano anterior.
Outra das conclusións desta última enquisa do INE é que máis da metade dos mozos galegos de 16 a 24 anos (51,7%) xa compran a través da rede, superando a media estatal en 7,3 puntos e experimentando un crecemento no último ano dun 12,4%.
Tamén cabe destacar que a poboación galega de 16 a 44 anos supera a media estatal no uso habitual de internet (cando menos unha vez por semana) con valores superiores ao 90%. Crece tamén, nun 13%, o uso de internet nos galegos de 55 a 64 anos de idade.
En canto ao uso dos servizos de Internet, un 65,7% dos internautas galegos participa habitualmente nas redes sociais, porcentaxe próxima á media estatal (66,8%). Un 81,9%% le ou descarga xornais ou revistas en liña, 4,2 puntos porcentuais por riba da media estatal.
No ámbito sanitario, un 43% dos internautas galegos concertaron citas médicas a través de Internet, 5,2 puntos máis que a media estatal. Tamén se observa un maior uso dos servizos na nube por parte dos internautas galegos (36,7%) fronte ao 35,5% da media estatal.
Segundo os datos do INE, o 61,4% dos galegos emprega internet para obter información das Administracións, 3,3 puntos máis que a media estatal. Neste indicador, Galicia ocupa a 5ª posición no ranking de Comunidades Autónomas para obter información de páxinas web da Administración.

Ningún comentario:

Publicar un comentario