venres, 29 de maio de 2015

Convócase o premio de curtas de comedia en lingua galega ‘Somos a curta!’ organizado pola Universidade de Santiago

Por cuarto ano consecutivo a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación daUSC, baixo proposta da Liga Estudantil Galega e co apoio do Servizo de Normalización Lingüística da USC, convoca o Premio de pezas audiovisuais curtas de comedia Somos a curta!. A inscrición poderase realizar ata o 13 de outubro deste ano.
Ao certame pode concorrer calquera membro do alumnado durante o ano 2015 das universidades galegas, das titulacións impartidas nas escolas oficiais de Imaxe e Son ou de bacharelato artístico de calquera dos institutos de educación secundaria de Galicia que presente unha peza audiovisual breve –dun máximo de 10 minutos– cunha comedia en lingua galega.
A temática das pezas é libre e as historias deberán ser orixinais, de creación propia ou con base popular ou literaria, neste último caso sempre que conten co consentimento por escrito do autor ou autora.
O 28 de outubro, no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Comunicación, e logo da presentación e exhibición pública das pezas nunha gala, o xurado outorgará os dous premios do certame, dotados con 400 e 200 euros, respectivamente, e diploma honorífico. Así mesmo, haberá un premio do público, decidido por votación durante o transcurso da gala, dotado con diploma honorífico.
Información tirada do Xornal da USC.

Ningún comentario:

Publicar un comentario