CEAPA dúbida do obxectivo real da realización das probas de 3º de
Educación Primaria así como da publicación dos resultados. O MECD, co
argumento de comprobar o grao de adquisición de competencias, nun
escenario de recortes sen precedentes na educación pública, impón a
través da LOMCE o dubidoso obxectivo de medir a calidade mediante unha
proba común e o escuro empeño de facer públicos os resultados.
A LOMCE impón a realización desta proba, cuxos resultados poderían
servir para tomar decisións sobre a educación dos nosos fillos e fillas,
indicando dunha forma pouco clara que "de resultar desfavorable esta
avaliación, o equipo docente deberá adoptar as medidas ordinarias ou
extraordinarias máis axeitadas. "
CEAPA oponse a que unha redacción ambigua na LOMCE na que só fala de
"medidas ordinarias ou extraordinarias máis axeitadas" poida supoñer a
repetición de curso ou unha nota no expediente do alumnado que
condicione o seu futuro dentro do sistema educativo.
CEAPA ten claro que esta proba non beneficiará en nada aos nosos
fillos e fillas, nin aos seus centros, e en cambio supoñerá unha
situación de estrés no normal desenvolvemento da vida do centro que
dedicará tempo e metodoloxía na preparación dos exames para mellorar na
posición do ranking, o que irá en detrimento da súa formación integral.
CEAPA oponse á publicación destes resultados, como indica a LOMCE, xa
que a súa única finalidade é a de realizar un ranking de centros sen
ter en conta factores socioeconómicos e socioculturais do contexto,
intentando xustificar e potenciar a existencia de dous tipos de centros,
os públicos e os privados concertados que realizan selección do
alumnado, o que lles permite conseguir unha boa posición no ranking,
unicamente baseada nos resultados destas probas, entrando nunha
competencia que en nada beneficia ao sistema educativo.
CEAPA considera que as Administracións Educativas dispoñen de
ferramentas que permiten abordar programas de mellora, sen expoñer os
nosos fillos e fillas a un exame que en nada lles beneficia. O impulso
da Inspección educativa, o investimento en formación do profesorado e
das familias, o investimento en dotación de persoal, programas de
reforzo que apoian ás necesidades do alumnado, a diminución das ratios, a
atención e orientación personalizada, os medios para superar
desigualdades.... en definitiva, hai moitas ferramentas que si
consideramos benefician á educación dos nosos fillos e fillas, moito
máis que a simple, pero tamén custosa, avaliación á que se pretende
someter o alumnado de 3º de Educación Primaria.
CEAPA, a través das súas federacións e confederacións, inicia unha
campaña para esixir ás autoridades educativas que informen das
instrucións dadas aos colexios de Educación Primaria sobre as medidas
que se van adoptar en cada centro educativo segundo os resultados da
devandita proba.
Mediante esta campaña, CEAPA esixe que o MECD informe sobre as
instrucións dadas ás distintas Consellarías de Educación e ás Direccións
Provinciais das Cidades Autónomas, e que estas trasladen aos equipos
directivos dos centros a súa obriga de informar en cada Consello Escolar
e a través dos/ás titores/ás sobre as medidas que van adoptar respecto
dos resultados das devanditas probas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario