xoves, 14 de maio de 2015

Os sete ananos Nobel de Galicia

A CULTURA GALEGA gañou sete premios Nobel, pero ninguén o sabe. Os sete premios Nobel galegos son sete ananos de meixelas sonrosadas que acariñan os seus bandullos brancos e mantecosos coma queixos. Os sete nomes que teñen son Narrativa, Teatro, Poesía, Ensaio, Xornalismo Cultural, Tradución e Infanto Xuvenil. Os sete eles son uns xenios, pero durmen un soño eterno que lles impide viaxar a Suecia para recoller cadanseus galardóns. Varios escritores recoñecidos cos galardóns da Asociación de Escritores en Lingua Galega actuaron coma príncipes bicándolles as meixelas. A súa intención era que os sete ananos esperten da síndrome de Estocolmo e camiñen sonámbulos ata Estocolmo, onde se entregan os Nobel. Os príncipes das letras galegas susurráronlles, un ano máis, os sons que conforman o mapa da súa desgraza: os galegos son lectores entregados, adoran os seus escritores, devecen porque lles asinen camisetas co seu dorsal de poetas, pero a Xunta e os medios de comunicación colócanlles diante unhas pantallas de fútbol e de política para que non poidan ver os libros galegos "resplandecendo ao fondo dos soños", coma no poema de Apollinaire. E os galegos, meus probes, están convencidos de que non lles interesan os libros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario