mércores, 27 de maio de 2015

Boicote ás reválidas en Primaria que comezan hoxe

Esta cuarta feira comezan as probas avaliativas en 3º de Primaria. Familias e comunidade educativa rexeitan esta medida.

As crianzas de 8 anos galegas enfrontan o 27 e 28 de maio a primeira das probas previstas pola LOMCE. Trátase de exames nos que se avaliarán as "habilidades" e "capacidades" do alumnado nas materias de lingua e matemáticas. Para alén desta, a nova lexislación prevé a implementación doutras en secundaria e bacharelato que, desta volta, si terán efecto sobre a obtención do título académico.
Após coñecerse a data concreta en que se faría efectiva a proba en 3º de Primaria organizacións sindicais, a Confederación de ANPAS galegas e a Plataforma galega en defensa do ensino público iniciaron unha campaña para promover o boicote activo á mesma. Neste senso, numerosas familias acordaron non levar as súas crianzas neses días á escola. Aliás, unha concentración á porta da Consellaría de Educación lembrará ao goberno galego a súa oposición ás reválidas mais tamén á LOMCE.
"Entendemos que o control do grao de adquisición das habilidades e destrezas adquiridas polos nosos nenos e nenas na súa vida escolar compételle exclusivamente aos seus profesores e profesoras", sinalan desde as ANPAS galegas ao aseguraren que "son quen realizan o inxente traballo de personalizar o ensino para que cada neno e nena reciban o que precisan atendendo a individualidade e capacidades" do alumnado.
Discriminación
Desde as familias coidan que é a avaliación continuada o método acaído para dar conta dos coñecementos adquiridos polo alumnado en troca dunha "proba externa" que, sinalan, "non vai dar resultados fiábeis porque refire a posíbel diagnose a unha circunstancia descontextualizada na vida dun escolar".
Aliás, denuncian, "discrimina o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo que fará a proba mais non computará para o cálculo dos dados globais que son os que realmente importan ao lexislador".
"A intención non é outra que o estabelecemento de categorías nos centros públicos, de profesionais do ensino e mesmo de zonas xeográficas"
Para a Confederación de ANPAS galegas a proba que se iniciará esta cuarta feira advirten da "intención" que, aseguran, ocultan estas probas. "Non é outra que o estabelecemento de categorías nos centros públicos, de profesionais do ensino e mesmo de zonas xeográficas". Pois delas emanarán listaxes nas que se comparen os resultados obtidos polo alumnado dos distintos centros educativos. O obxectivo "futuro", din, "diversificar discriminadamente os investimentos educativos creando centros e alumnos beneficiados ou prexudicados na procura dunha excelencia" que, denuncian, "non se consegue así senón traballando dentro da equidade e da igualdade de tratamento e oportunidades".
Desde as organizacións sindicais denuncian que, para alén dos prexuízos ao alumnado, supón o cuestionamento d@s profesionais do ensino ao externalizarse a avaliación e, para as familias, supón un "estrés" para as crianzas que non deberían experimentar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario