ANTEPROXECTO DE DECRETO PARA EDUCACIÓN SECUNDARIA E BACHARELATO
Esiximos a súa retirada e reclamamos a paralización inmediata do proceso de implantación da LOMCE na Galiza.
Ó igual que aconteceu o curso pasado coa Educación Primaria e a FP Básica, cando a Consellería publicou consecutivamente a finais de xullo, agosto e setembro as diferentes Ordes e Decretos que as regulaban, os prazos de tramitación que formula agora a Consellería para Secundaria e Bacharelato volven ser totalmente inaxeitados e supoñen unha falta de consideración absoluta coa Comunidade Educativa. Atopámonos practicamente ao final do curso escolar e é de supoñer que os trámites preceptivos no Consello Escolar de Galicia, Consello Consultivo e Consello da Xunta de Galicia adiarán a publicación do Decreto no DOG aínda varios meses, motivo polo cal se complica o labor dos equipos directivos e dos docentes para planificar o vindeiro curso, ao careceren de normativa a seguir para a regulación destas ensinanzas.
Este Decreto, ademais de introducir cambios curriculares importantes no ensino secundario obrigatorio e post-obrigatorio de Galiza (desaparece Educación para a Cidadanía, Valores Éticos incorpórase como alternativa á Relixión ou Ciencias da Natureza desdóbrase en Bioloxía e Xeoloxía e Física e Química), modifica a distribución horaria de moitas materias, o que suporá o incremento da impartición de materias afíns, desprazamentos forzosos do profesorado por perda da carga lectiva ou a perda de postos de traballo.
Procúrase con este anteproxecto apartar do sistema educativo ao alumnado con diversidade funcional e/ou de entornos sociais desfavorecidos, pois establécense reválidas como requisito imprescindíbel para obter a titulación de ESO e de Bacharelato, non se contemplan medidas concretas de atención á diversidade e segrégase en itinerarios diferenciados ao alumnado dende 3º da ESO.
O STEG manifesta, por todo o exposto, o seu rexeitamento absoluto deste anteproxecto de Decreto para Educación Secundaria e Bacharelato, esixe á Consellería a súa retirada e reclama a paralización inmediata do proceso de implantación da LOMCE na Galiza.
Secretariado Nacional do STEG
Ningún comentario:
Publicar un comentario