venres, 29 de maio de 2015

Advirten de que só o 0,4% dos alumnos galegos protexe os seus ollos cando usan dispositivos

A empresa española Reticare vén de achegar estudo sobre o nivel de protección ocular que adoptan os nosos escolares no seu emprego diario de aparellos tecnolóxicos. O informe, que vén moi a conto por tratarse esta época do ano da tempada de exames por excelencia (úsanse máis aparellos e, polo tanto, as medidas de seguridade deberan ser máis e mellores), tivo en conta o emprego de cousas como computadores coas súas pantallas, tabletas e teléfonos intelixentes, tanto no que se refire ao seu uso na casa como na escola. No estudo dise que España é un dos países europeos onde menos medidas se poñen en práctica para protexer a visión das rapazas e rapaces. No que atinxe a Galicia, de 391.525 alumnos non universitarios, menos de 4.800 estarían protexidos.
Ou sexa, que só o 0,4% dos alumnos galegos por centro escolar “dispoñen da axeitada protección visual, que debe vir da man das autoridades docentes e dos propios centros escolares”, explican os autores da investigación. Segundo concreta Nilo García, director xeral de Reticare, “sorprende que só o 0,4% dos pais protexa aos seus fillos dun risco tan importante para o seu desenvolvemento futuro, cando máis do 90% dos vehículos están equipados con sistemas axeitados para o uso por nenos”.
Reticare tamén reflicte un estudo de TNS Demoscopia onde se di que os nosos adolescentes adican unha hora e media a estudar. En troques, pasan catro horas ao día diante dunha pantalla, xa sexa de computador, consola ou móbil. “Todo este tempo diante da pantalla”, explica a empresa, “supón un desgaste da súa capacidade de visión e fai que a tensión visual aumente porque as medidas para protexer os seus ollos son de xeito evidente insuficientes”. A xuízo dos autores desta investigación, as novas pantallas LED de dispositivos como smartphones, tabletas e computadores teñen, en contra do que se adoita considerar, a súa parte prexudicial. De feito, engádese, “poden emitir un 500% máis luz de onda curta cás anteriores”, segundo estudos realizados pola Universidade Complutense de Madrid (UCM).

Ningún comentario:

Publicar un comentario