martes, 26 de maio de 2015

A Universidade de Santiago abre o prazo dunha nova edición dos Premios á Calidade Lingüística

A USC abriu o prazo da novena convocatoria do certame que premia a calidade lingüística dos traballos académicos, dos proxectos de fin de carreira (PFC) ou traballos de fin de grao (TFG) e mais dos traballos fin de mestrado (TFM) redactados en galego neste curso académico 2014-2015.
A presentación axeitada dun documento dende o punto de vista formal –calidade na redacción, boa estruturación da información, claridade e cohesión, correcto deseño e corrección lingüística e terminolóxica– é unha habilidade comunicativa que todo universitario debe posuír, e que neste concurso se liga á utilización da lingua galega.
Concederanse cinco premios, un por cada grande área de coñecemento (Ciencias da Saúde, Ciencias, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura, Humanidades), en cada unha das tres modalidades: nos traballos académicos de curso gañaranse 150 euros; 300 nos TFG e PFC e 400 no TFM. Ademais, os gañadores e gañadoras recibirán un diploma para o seu currículo.
No web dos Premios á Calidade Lingüística, ademais das bases e de información específica, o alumnado poderá atopar recursos de apoio para mellorar a calidade dos seus traballos, como léxicos e vocabularios, recomendacións de estilo académico ou a base de datos terminolóxica multilingüe bUSCatermos, con máis de 160.000 entradas, así como un modelo de documento de TFG e TFM.

Información tirada do xornal da USC.

Ningún comentario:

Publicar un comentario