Os departamentos universitarios de Galego asinan unha declaración na que expresan a súa preocupación polo futuro da lingua.
Os departamentos de Galego das universidades de Santiago de Compostela (USC), Vigo (UVigo) e A Coruña (UDC) veñen de publicar unha declaración conxunta na que expresan a súa “profunda preocupación pola situación actual e polo futuro da lingua e da cultura galegas”.
O documento foi asinado polos departamentos de Galego-Portugués, Francés e Lingüística da UDC, Filoloxía Galega da USC e Filoloxía Galega e Latina da UVigo, as principais institucións universitarias con responsabilidade docente e investigadora no ámbito estratéxico dos estudos galegos no país. A declaración pon énfase nos alarmantes datos sobre o baixo uso do galego entre as novas xeracións, “o que implica que a lingua galega está en perigo de se converter nunha lingua estranxeira na súa propia patria”, alertan.
Os asinantes tamén denuncian os recortes en persoal e investimentos “en todos os ámbitos relacionados coa promoción do uso e normalización da lingua galega, así como coa industria cultural a ela vinculada”, e critican a caída no uso do galego tanto na administración pública —incluíndo as propias universidades— como no sector privado.
Por iso, esixen o desenvolvemento do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado polo Parlamento de Galicia en 2004, e solicitan a paralización do controvertido Decreto ‘de plurilingüísmo’, do ano 2010, para que “a sociedade galega poida transformarse en sociedade de información competitiva nun contexto globalizado sen deixar de coidar e desenvolver os seus trazos inherentes”.
“A lingua galega ábrenos ao mundo, sitúanos nun contexto global de oportunidades e constitúe un valor económico duradeiro e de extraordinaria relevancia”, conclúe a declaración, publicada hoxe.
Velaquí o texto completo:

Os Departamentos de Galego-Portugués,
 Francés e Lingüística (Universidade da Coruña), Filoloxía Galega 
(Universidade de Santiago de Compostela) e Filoloxía Galega e Latina 
(Universidade de Vigo) son as principais institucións universitarias con
 responsabilidade docente e investigadora no ámbito estratéxico dos 
estudos galegos no país. Somos, desde hai case medio século, as 
entidades encargadas da formación de sectores imprescindíbeis nunha 
sociedade galega democrática: o persoal investigador en estudos galegos;
 o profesorado de Lingua e Literatura Galegas nos seus diferentes niveis
 educativos; moitas mulleres e homes que traballan na industria cultural
 e nos medios de comunicación en galego; moitas creadoras e creadores 
que hoxe son de recoñecido prestixio; intelectuais, axentes culturais e 
persoal laboral que sustentan xa e terán que sustentar no futuro non só 
as grandes e pequenas institucións culturais mais tamén as empresas 
relacionadas. É da nosa responsabilidade velarmos por que as futuras 
xeracións de tituladas e titulados, amplamente formadas, poidan 
continuar a ofrecer a súa contribución ao futuro da sociedade galega nun
 contexto globalizado, onde quen amosar unha condición ben articulada 
entre o global e o local vai dispor dunha estratéxica posición de 
vantaxe de incalculábel valor.
Por iso mesmo, tendo en conta os 
diferentes datos estatísticos recentemente publicados sobre o uso e 
transmisión da lingua galega e o panorama social e político do país no 
último lustro, vémonos na obriga de mostrar a nosa profunda preocupación
 pola situación actual e polo futuro da lingua e da cultura galegas. 
Confirmouse, por exemplo, que o nivel de uso efectivo da lingua propia 
do país retrocedeu de forma alarmante nas xeracións máis novas, o que 
implica que a lingua galega está en perigo de se converter nunha lingua 
estranxeira na súa propia patria. A isto acrecéntase a preocupante 
redución de persoal e a drástica e alarmante diminución de investimentos
 en todos os ámbitos relacionados coa promoción do uso e normalización 
da lingua galega, así como coa industria cultural a ela vinculada, por 
non falarmos do recuamento da lingua galega na administración pública 
(incluíndo as propias universidades) e no sector privado.
Os departamentos denuncian o recuamento do galego na administración pública, incluíndo as propias universidades
Estas e outras circunstancias 
ameazantes para a lingua e cultura propias do país derivan, ao noso ver,
 en primeiro lugar e en grande parte, da falta de desenvolvemento do 
Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado polo Parlamento 
de Galicia en 2004 por unanimidade e, en segundo lugar e de forma 
subseguinte, dos efectos contraproducentes do Decreto denominado (aínda 
que de forma academicamente incorrecta) ‘de plurilingüismo’, do ano 
2010.
A sociedade galega actual, querendo 
preservar a súa identidade histórica e proxectarse asemade no futuro, 
forzosamente terá que se transformar en sociedade de información 
competitiva nun contexto globalizado sen deixar de coidar e desenvolver 
os seus trazos inherentes. O primeiro deles é a súa lingua propia, que é
 patrimonio e debera ser orgullo de todas as galegas e galegos sen 
excepción e que, ao tempo que nos singulariza cunha identidade 
milenaria, nos permite acceder facilmente a un universo de 276 millóns 
de falantes en 27 países e á quinta parte de toda a internet.
A lingua galega ábrenos ao mundo, 
sitúanos nun contexto global de oportunidades e constitúe un valor 
económico duradeiro e de extraordinaria relevancia. Mais, para podermos 
tirar proveito desas vantaxes e seguir sendo donos da nosa identidade, 
os poderes políticos teñen que actuar con afouteza e apostar 
decididamente pola normalización lingüística, emendando todo o que for 
preciso a liña de actuación política nesta materia e cumprindo as súas 
obrigas legais.
A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, día 11 de maio de 2015
 
Ningún comentario:
Publicar un comentario