A Mesa animou a activar o compromiso normalizador que Galiza precisa en todos os concellos.
Con motivo do comezo da campaña electoral para as eleccións 
municipais do 24 de maio, A Mesa pola Normalización Lingüística reiterou
 hoxe a petición a todos os partidos e candidaturas que se presentan, 
dun compromiso explícito e claro coa lingua galega nos Concellos.
A proposta da Mesa inclúe que todos os cargos públicos, departamentos
 e organismos dependentes da administración municipal teñan a lingua 
galega como lingua xeral de referencia oral e escrita; que a 
administración parta da oferta positiva do galego na atención oral e 
escrita á cidadanía, tanto presencial como telefónica ou telemática; que
 as empresas subcontratadas polo concello garantan o respecto á 
oficialidade do galego e aos dereitos lingüísticos das veciñas e 
veciños, ou  impulsar a creación dun Servizo de Normalización 
Lingüística naqueles concellos onde aínda non existir.
Neste sentido, desde A Mesa salientaron a necesidade  de que os 
alcaldábeis asuman o compromiso de impulsar políticas activas en favor 
do galego e dotar con recursos a planificación lingüística do concello, 
con actuacións transversais en todas as áreas municipais procurando o 
incremento do uso e prestixio da lingua propia de Galiza.
A entidade en defensa da lingua destacou  que o que se reclama non é 
máis que o cumprimento das leis ou de acordos parlamentarios como o 
PXNLG, e que porén están a ser vulnerados, sen que na práctica pasen de 
declaracións de intencións.
Segundo o presidente da Mesa, Marcos Maceira, “estase a producir unha
 grave involución nas garantías de dereitos lingüísticos nos Concellos, 
nalgúns casos consecuencia da privatización de servizos a empresas que 
directamente desprezan o galego” e sinalou como exemplo o caso do servizo de recadación do Carballiño que lle negou a atención a un cidadán só por se expresar na súa lingua.
Maceira chamou tamén ao conxunto da sociedade, que, tal como indican 
todos os estudos si quere galego, a que se implique na demanda aos seus 
representantes, “exixindo un dereito básico, activándose a todos os 
niveis para conseguilo, e participando nos diferentes actos que a 
plataforma cidadá Queremos Galego, coordinada pola propia Mesa, convocou
 para o vindeiro 17 de maio”.
Ligazón á proposta da Mesa: http://www.amesa.gal/compromiso-de-aplicacion-plan-xeral-de-normalizacion-da-lingua-galega-nos-concellos-e-deputacions/
 
Ningún comentario:
Publicar un comentario