Oito manifestacións nas sete grandes cidades galegas e en Ribadeo.
A plataforma Queremos Galego fixo un chamamento á cidadanía para que participe nas oito manifestacións que convocou para este 17 de maio en Galicia co obxectivo de recordar que a lingua galega "está viva" e que é "garantía de futuro" e de que os galegos sigan existindo.
Así comunicárono voceiros do colectivo en Vigo nunha rolda de prensa que ofreceron este mércores ante o museo Marco, onde insistiron en que esta mobilización busca demostrar que os galegos queren "manter vivo" o seu idioma, "vivir nel" e telo "presente todos os días do ano".
O voceiro Pepe Carreiro subliñou que coa defensa do idioma se defende tamén a identidade dos galegos, por iso, animou a falalo "diariamente". "A nosa lingua só a imos falar os galegos, falémola, defendámola. Se nalgún momento perdemos a nosa lingua, os que desaparecemos son todos nós", asegurou.
Así mesmo, a poeta Marta Dacosta, que fixo fincapé en que a plataforma defende que o galego "ten presente e futuro", sinalou que o slogan desta manifestación é 'Galego, garantía de futuro', e que hai un manifesto ao que se poden adherir todos os interesados en Internet para "visibilizar" a defensa do galego.
Nesta liña, recordou que rexeitan medidas como o decreto do plurilingüismo, que na súa opinión "está a agredir" o galego e foi "un subterfuxio para reducir a súa presenza nas aulas e prohibir que as materias científicas se impartan en galego". "Só pode haber unha razón para facer unha prohibición de tal calado, que é transmitir unha idea de desprezo polo noso idioma", censurou.
As oito manifestacións do próximo 17 de maio terán lugar nas sete grandes cidades galegas e en Ribadeo, onde partirá en todos os casos ás 12,00 horas. En Vigo, a marcha sairá dende a confluencia de Vía Norte con Urzáiz en dirección ao museo Marco.
VOTAR PARA "CAMBIAR"
Carreiro incidiu en que os poderes públicos, e en concreto os gobernos autonómico e municipal, teñen "unha responsabilidade moi alta porque eles poden traballar moito a favor do galego, en cambio non o fan".
Por iso, recalcou que os cidadáns son "os primeiros responsables" e os que poden "cambiar esta situación de golpe", a través do voto nas urnas. "Neste período electoral no que estamos, temos a oportunidade de apoiar aquelas forzas políticas que apoian o galego ou rexeitar aquelas que non o apoian", resumiu.
Así, criticou a aqueles políticos que na campaña electoral e nos carteis propagandísticos están a utilizar o castelán en lugar do galego, e animou a todos os cidadáns a "reflexionar" e decidir se co seu voto queren apoiar "que o galego continúe san ou vaia desfalecendo".
Ningún comentario:
Publicar un comentario