Un de cada cinco españois recibe menos de 7.961 euros anuais, segundo datos do Instituto Nacional de Estadística.
Un de cada cinco españois, o 22,2%, vive por baixo do limiar da pobreza, é dicir, con menos de 7.961 euros anuais, unha porcentaxe que aumentou dous puntos nun ano, e que é máis alarmante no caso dos menores de 16 anos, xa que afecta a case un de cada tres (30,1 %), e segue en aumento. A porcentaxe de menores en situación de pobreza aumentou 3,4 puntos nun ano, o que fixo que a súa taxa sexa 7,9 puntos superior á do conxunto da poboación, mentres que os ingresos dos fogares reducíronse un 2,3% ata os 26.154 euros netos anuais, un descenso que non parou desde 2009.Pola contra, e grazas á estabilidade das súas pensións, a taxa de pobreza dos maiores de 65 anos reduciuse 1,3 puntos ata o 11,4%. Estes son algúns dos datos que arroxa a Enquisa de Condicións de Vida (ECV) elaborada polo Instituto Nacional de Estadística (INE) na primavera de 2014 cos ingresos medios percibidos polos fogares en 2013. Ademais, dado que o limiar de risco de pobreza varía en función da repartición da renda entre a poboación, e esta reduciuse en xeral, en 2014 o citado limiar baixou un 1,9% respecto de 2013 cando se fixou en 8.114 euros.
Se para os fogares dunha soa persoa os ingresos anuais a partir dos que se considera que está en situación de pobreza son 7.961 euros, para os formados por dous adultos e dous menores de 14 anos este límite fixouse en 16.719 euros anuais. En España o 16,1% dos fogares chega a fin de mes con "moita dificultade", o 42,4% non ten capacidade para afrontar gastos imprevistos, e case a metade (45%) non pode ir de vacacións nin sequera unha semana ao ano.
A actual situación económica fai que o 10,2% dos fogares non poida levar ao día o pago da hipoteca, o aluguer, o gas, a electricidade ou a comunidade de veciños. Se se desglosan os datos por comunidades, Andalucía (24,3%), Murcia (22,7%) e Galicia (20,8%) son as que teñen máis fogares que chegan a fin de mes con "moita dificultade". No lado oposto colócanse Navarra (4,2%), Asturias (4,6%) e Aragón (9,8%). Ademais, a porcentaxe da poboación española que vive en risco de pobreza elévase ata o 29,2% (cun aumento de 1,9 puntos nun ano) se se utiliza o indicador Arope (siglas de At Risk Of Poverty or social Exclusión) que é o que figura na estratexia Europa 2020 da Unión Europea.
Este indicador, ademais do risco de pobreza, ten en conta a baixa intensidade de emprego nos fogares e a carencia material severa, como non poder ir de vacacións, non poder comer carne, pito ou peixe cada dous días, non poder quentar a vivenda, non poder ter coche, lavadora ou teléfono, ou non dispor de 650 euros para gastos imprevistos, entre outros factores. A formación tamén pesa á hora de medir a pobreza.
Así, segundo o INE, o 29,1% dos que teñen un nivel educativo equivalente á primeira etapa da educación secundaria atópase en situación de pobreza, unha porcentaxe que se reduce ata o 10,2% para quen cursaron educación superior. E tampouco é igual para todos os fogares.
A pobreza afecta máis, ata alcanzar o 42 %, ás persoas que forman parte de fogares compostos por un adulto con fillos dependentes a cargo, e moito menos, ao 14,8 %, aos formados por dous adultos. En relación coa actividade que se realiza, o 45,1 % dos parados está en risco de pobreza, unha porcentaxe que contrasta co dos xubilados dos que só o 9 % se atopa nesa situación. Por nacionalidade, os máis afectados son os estranxeiros de fóra da UE (55,4 %), seguidos dos da UE (35,7 %), mentres que a pobreza afecta ao 18,4 % dos españois.
As taxas de risco de pobreza máis elevadas son as de Murcia (37,2 %), Andalucía (33,3 %) e Estremadura (33,1 %), mentres que as menores son as do País Vasco (10,2 %), Navarra (11,9 %) e Madrid (14,7 %). En canto aos ingresos, os máis elevados son os do País Vasco (14.281 euros por persoa), Navarra (13.221) e Madrid (12.597) e os máis baixos os de Estremadura (7.729), Murcia (7.767) e Andalucía (8.079).
Ningún comentario:
Publicar un comentario