mércores, 20 de maio de 2015

Pais do Rivero deciden evitar aos seus fillos a reválida de Primaria

Acordaron nunha reunión o luns non enviar aos alumnos de terceiro ao colexio os próximos días 27 e 28 para que non fagan o exame previsto.

A polémica xerada pola proba que avaliará a próxima semana a 22.000 alumnos galegos de terceiro de Primaria entrou con forza en Lalín. Pais e nais de alumnos deste nivel do colexio Manuel Rivero reuníronse o pasado luns para decidir conxuntamente que medidas tomar ante unha proba coa que están en completo desacordo: «Non nos parece unha avaliación obxectiva, e xa que non ten consecuencias, creemos que é innecesario someter a esa presión aos nenos», a unha idade de só 8 anos, indica unha das nais presentes na reunión, que engade que ao ser exames estandarizados non miden correctamente a progresión do alumno no colexio. Outra nai indicaba onte a súa desconformidade con que se someta aos alumnos a unha avaliación externa, que pode incluír contidos que non se deron en todos os centros, polo que conclúe que «é máis correcto que lles examine o docente» que imparte as clases.
Ante a súa desconformidade coa proba, pais e nais da vintena de escolares de terceiro de Primaria do Rivero decidiron non enviar aos seus fillos ao colexio o vindeiro mércores día 27 e o xoves día 28, as datas previstas para a realización das probas. «Pois se porán enfermos eses días», indican, sinalando que a decisión será secundada por todos os alumnos despois de decidir reunirse tras expor a cuestión a través do grupo de Whatsapps dos pais e nais de terceiro de Primaria. ¿Que consecuencias terá a súa acción? «Pois non o sabemos, pero no cárcere non nos van a meter». Entenden que non serán importantes, por canto trátase dunha proba de carácter orientativo unicamente.
O Rivero dá o primeiro paso, pero noutros centros medítase que facer ante esta reválida, a primeira en implantarse pero á que seguirán outras en 4º e 6º.

Docentes de Pontevedra piden que se retire esta proba de avaliación

Si os pais do Rivero móstranse contrarios á proba, na mesma liña pronunciouse xa a Xunta de Persoal Docente da provincia de Pontevedra, quen se opón a este primeiro test de avaliación da Lomce. De feito, esixen á administración a paralización e retirada desta proba de avaliación individualizada, á vez que instan aos consellos escolares e claustros dos centros a aprobar resolucións en contra do test, e a apoiar a decisión das familias de non enviar aos fillos aos colexios o día da proba.
Nun comunicado, afirman que hai que facer fronte ao que tachan de «atropelo» e sinalan que «en nada contribúe ao proceso do ensino-aprendizaxe, nin beneficia ao alumnado». Engaden ademais que desconfía do traballo do profesorado, que estará sometido e condicionado no futuro a preparar aos escolares para a mellor nota posible, e pode pretenderse coa proba conformar ránking de centros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario