xoves, 14 de maio de 2015

'Decreto Filgueira' ou por que o galego ten esta normativa oficial e non outra

Por que o galego ten a normativa que ten? Cal foi a transcendencia de Filgueira Valverde nese proceso de normativización do idioma? Esas son as dúas cuestións que o documental da AGAL (Associaçom Galega da Língua) e dirixido por Ozo Perozo intenta responder neste documental de media hora de duración e destinado fundamentalmente ao ensino secundario.
O documental analiza o proceso normativizador do galego e a transcendencia de Filgueira Valverde nel
Decreto Filgueira relata os acontecementos que precederon a aprobación da normativa en vigor en 1982 e fai tamén un repaso histórico da normativización da lingua galega. Lembra, ademais, como as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego (ILG-RAG) "nem foram as primeiras normas oficiais, nem contárom com o apoio de importantes setores da cultura galega, que debatia intensamente sobre qual havia de ser a orientaçom ortográfica do galego desde o início dos anos 70", tal e como explica o equipo da fita.
Así, o documental repasa os diferentes posicionamentos lingüísticos e as formulacións normativas que cada un deles xerou desde que en 1970 Carvalho Calero sacara as primeiras Normas Ortográficas do Idioma Galega da Real Academia Galega e que forn asumidas como proias polo mundo de Galaxia. E explica tamén as discusións, debates e mesmo negociacións entre duas propostas "dissidentes que acabariam por tornar-se irreconciliáveis": a autonomista, aglutinada arredor do Instituto da Lingua Galega (ILG) e a reintegraconista, que se foi nucleando arredor do propio Carvalho Calero, que a cada paso asumía posturas máis lusistas.
É un intento por facer comprensible o debate, sobre todo para aqueles que o descoñecen e para o alumnado de Secundaria, de aí que incúa vídeos de animación e entrevistas que contextualizan os feitos. Ademais, na web do documental inclúese tamén unha guía para o profesorado.
Filgueira oficializou coa súa sinatura a normativa que relegaba as vellas normas de Carvalho Calero e a súa posición reintegracionista
Explica tamén como comezados os anos 80, a Xunta oficializaba uhas normas que pretendían o consenso e que partían dunha orientación converxente co portugués. Carvalho Calero presidía aquela Comisión de Lingüística da Xunta, pero en 1982 unhas novas normas que viraban a orientación anterior relegaban as do vello catedrático. Foi Filgueira Valverde quen oficializou esta nova normativa coa súa sinatura. O autor ao que este ano se lle dedica o Día das Letras fora membro da anterior Comisión de Lingüística da Xunta. A reviravolta deu lugar a un dos lustros de maior polémica e tensión este debate normativo.
"Na AGAL vimos o nomeamento de Filgueira como unha oportunidade de explicar as normas e estratexias co galego"
"A idea xurdiu do nomeamento de Filgueira para o Día das Letras. Desde a AGAL vímolo como unha oportunidade para explicar o que son as normas e as estratexias co galego sobre todo; e o documental está encadrado na liña de intentar facer preguntas e pensar por que seguimos esta estratexia, que non ten por que ser a única", explica Miguel R. Penas, presidente da AGAL e un dos guionistas.
As dúas pólas do debate contaron con defensores de enorme importancia intelectual, pero o documental destaca o "imprescindível" da figura de Filgueira Valverde chegados os 80. Supuxo a continuidade do modelo cultural xerado durante o franquismo e acabou por dar nome a un decreto clave para explicar a orientación que logo seguiu o idioma galego até estes días. Unha figura que algún dos protagonistas do documental definen como "home do sistema" ou "home do réxime", pero ao que tamén destacan como un dos estudosos que permite "saber da tradición e cultura galega nestes días".
Foi, en definitiva, a vitoria da postura que defendía un galego independente do portugués, con ortografía castelá e baseado no traballo dialectolóxico do ILG fronte aos lusistas que pretendían restaurar a proposta do galeguismo anterior á guerra civil e que se aglutinara arredor da figura de Carvalho Calero. Unha confrontación histórica que é explicada nun documental no que interveñen historiadores e figuras clave naqueles feitos, entre eles Elvira Souto, Franciso Fernández Rei, Francisco Rodríguez, María Xosé Queizán ou Uxío-Breogán Diéguez.
Miguel R. Penas aclara que a AGAL intenta tamén así "mostrar" a súa proposta e "contar a historia" do reintegracionismo, "non desde a perspectiva de que temos a razón, pero si desmontando preconceptos e imaxes construídas ao redor do noso discurso e que teñen certas intencións como desprestixiar o discurso". "O debate haino desde o século XIX e había unha dinámica, liderada por Carvalho Calero, que se desmontou en dous anos a partir do 80... A estratexia era outra, pero rachou", remata.

Decreto Filgueira

© Audiovisual AGAL

Ningún comentario:

Publicar un comentario