Claude Cohen-Tannoudji, premio Nobel de Física, visita Santiago para achegar a súa técnica para conxelar os átomos.
“O entusiasmo dos nenos é clave para manter a ciencia”. É a sentenza dun premio Nobel, Claude Cohen-Tannoudji, que visita Santiago dentro do programa ConCiencia. “A formación dos máis novos é de extrema importancia”, engadiu: “Estimulalos vocacionalmente para aprender, fomentar o seu entusiamo é clave”.Cohen-Tannoudji gañou o Nobel de Física por conxelar os átomos. Pioneiro en métodos de arrefriamento atómico con feixes de láser, as súas investigacións supuxeron un grande avance para a tecnoloxía láser, os sistemas GPS ou a precisión na medida do tempo. Nun encontro cos medios de comunicación en Compostela, o investigador recoñeceu o papel fundamental de Albert Einstein na comprensión básica da luz. “Introduciu os conceptos de fotón e de emisión estimulada, que é a base do láser, e foi tamén quen descubriu que a luz ten un momento, unha idea usada nos últimos anos para intentar parar os átomos e reducir a súa temperatura, un campo novo e moi prometedor, por exemplo, para elaborar reloxos ultraprecisos. Esa ultraprecisión, matizou, “pode servir para realizar continuos test da Teoría Xeral da Relatividade que axudan a unha mellora das medicións e, como resultado, a unha maior efectividade na aplicación da tecnoloxía”.
“Parar os átomos permite elaborar reloxos ultraprecisos”
O profesor do Collège de France e Laboratoire
Kastler Brossel da École Normale Supérieure (Francia) recibiu en 1997 o
Premio Nobel “polo desenvolvemento de métodos para arrefriar e atrapar
átomos con luz láser”. El foi un dos primeiros en propoñer o bombardeo
de átomos con luz coherente para desaceleralos. Seguindo estas
propostas, en 1985 Steven Chu arrefriou un feixe de
átomos a unha temperatura de 240 millonésimas de Kelvin por riba do cero
absoluto, o que supoñía unha velocidade dos átomos de 0,5 km/h. En 1988
William D. Phillips acadaba unha temperatura de 40 millonésimas de grao por riba do cero absoluto. En 1995, Cohen-Tannoudji rebaixou a temperatura ata 0,2 millonésimas de grao por riba do cero absoluto.As técnicas desenvolvidas por el, Phillips e Chu foron esenciais para manipular e controlar átomos, o que permitiu dende entón á comunidade científica facer progresos en moitas tecnoloxías. O exemplo máis destacado son os reloxos atómicos, tanto máis precisos canto maior sexa o control sobre os átomos usados para medir o tempo, que axudaron a mellorar a navegación espacial e os sistemas GPS, entre outros avances.
A visita de Cohen-Tannoudji inicia a edición de 2015 do Programa ConCiencia de divulgación científica que dirixe o profesor da USC Jorge Mira. O físico francés de orixe alxeriana xa asinou no Libro de Honra da universidade. Este xoves 28, ás 11.30 horas, manterá na Aula Magna de Física unha xuntanza con investigadores do eido da fotónica e o láser e, ás 19.30 horas, pronunciará no Auditorio Abanca unha conferencia aberta ao público en xeral sobre a manipulación de átomos con luz.
Ningún comentario:
Publicar un comentario