A Consejería de Educación pasa o galego do Bacharelato de materia optativa a "materia de libre configuración específica"Desta vez o golpe chega dunha orde da Consejería de Educación castelán-leonesa do pasado 4 de maio pola que, en aplicación da Lomce, se "establece o currículo e se regula a implantación, avaliación e desenvolvemento do bacharelato" na comunidade autónoma. Segundo a devandita orde, a materia optativa de Lingua e Cultura Galegas pasará a ser agora materia de libre configuración específica, o que supón que o alumnado que queira cursala vai ver incrementado o seu horario lectivo, o que suporía unha "discriminación negativa" con respecto aos rapaces que escollan calquera optativa, que son impartidas en horario lectivo, de mañá e para o que se dispón do transporte escolar que tan maioritariamente empregan os nenos no Bierzo.
Os alumnos que queiran estudar galego terán que aumentar o horario lectivo e acudir a aulas á tarde e sen transporte escolarXa que logo, o alumnado que opte polo galego verá como o horario lectivo se lle incrementa até as 33 ou 34 horas fronte ás 30 semanais estipuladas. Tres ou catro horas máis -dependendo de se é nun ou noutro curso- semanais de clase, fóra do horario escolar -como xa se especifica na folla de matrícula- e sen un servizo de transporte escolar. "Aínda querendo, moitos rapaces non van poder matricularse ao non ter transporte; será un acto de puro voluntarismo que suporá moito esforzo e que moitos non se poderán permitir", explica Igor Lugrís, voceiro da Asociación Cultural Fala Ceive do Bierzo.
Ademais, os alumnos que queiran estudar galego terían que acudir ao centro pola tarde, no mesmo momento que os seus compañeiros acuden a actividades complementarias ou deportivas ou no que están na casa. As clases de lingua galega, xa que logo, quedan relegadas ao mesmo nivel das de cociña ou pintura que se imparten ás tardes.
"Incluír a materia de galego como optativa extracurricular vai ser un golpe moi duro porque moi pouco alumnado vai estar disposto a cursar a materia nestas condicións", engade Lugrís, que cre queu a Junta "faino sabendo moi ben o que fai e con toda a intención". "É un primeiro paso para desmantelar todo o programa de lingua galega", di desde Fala Ceive, que xa puxo en contacto de formacións políticas, sindicatos, organismos e administracións galegas o caso. "Todos os anos poñen atrancos, unhas veces eliminando aulas e outras evitando dar inormacións; sempre intentan algo para prexudicar o galego cando ademais este tema afecta a unha porcentaxe moi mínima dos estudantes da autonomía", explica.
"Todos os anos poñen atrancos; é unha decisión político-ideolóxica do Goberno de Castela e León""É unha decisión político-ideolóxica", insiste Lugrís, que pide "unha reacción desde Galicia", tamén por parte das institucións. "A Xunta e a Real Academia Galega, que sempre estiveron implicadas, deberían dicir algo e actuar ante esta situación", reclama desde o Bierzo. En Castela e León son máis de 1.000 alumnos os que estudan lingua galega entre os que fan en Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato e a Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada. Junta e Xunta teñen asinado un Protocolo Xeral de Colaboración que garante o ensino de lingua galega para os rapaces das áreas galegofalantes do Bierzo. "Ao final, estudar galego supón un sobreesforzo e un exercicio de voluntarismo", rematan desde Fala Ceive.
O BNG xa presentou unha moción non de lei no Parlamento de Galicia no que se pide que a Xunta comece negociacións coa Junta de Castela e León para "modificar o estatus que se lle concede ao ensino da lingua galega" e para que se "apoie e mellore" a ensinanza do idioma "en todos os tramos educativos obrigatorios".
Ningún comentario:
Publicar un comentario