venres, 22 de maio de 2015

Os anos nos que se puxo en perigo o sistema universitario

Non son bos tempos para a universidade. Nos últimos anos os centros públicos veñen sufrindo importantes recortes no seu financiamento e dificultades para contratar persoal, o que tivo efectos na calidade da docencia e do seu labor investigador. Aproveitando as inminentes eleccións do 24 de maio, que decidirán 13 dos gobernos autonómicos do Estado, a Conferencia de Reitores (CRUE) vén de distribuír un documento que subliña a situación que veñen sufrindo as universidades españolas dende o 2010 e que, ademais, subliña o incremento das taxas e o descenso das bolsas que se produciu en paralelo.
O texto salienta que dende o 2010 o financiamento autonómico das universidades públicas presenciais caeu de media un 15.97%, chegando ao 53% en Castela-A Mancha, o 33% en Catalunya e o 21% na Comunidade Valenciana, autonomías gobernadas por forzas conservadoras en todos os casos. O descenso en Galicia foi do 7,6%, unha cifra que se incrementa se tomamos como referencia o 2009, momento da primeira vitoria electoral de Alberto Núñez Feijoo: só entre 2009 e 2012 os ingresos das universidades galegas caeron un 14,4%, tres puntos por riba da media española (11,4%).
Só entre 2009 e 2012 os ingresos das universidades galegas caeron un 14,4%, tres puntos por riba da media española (11,4%)
O documento fai fincapé igualmente na redución do número de persoal docente, debido á "redución do financiamento estrutural das universidades, acompañada dos cambios normativos relativos ao réxime docente do profesorado, así coma a limitación da reposición das baixas ocasionadas por xubilación". En total, a redución entre 2010 e 2013 foi do 5,81%, que equivale a case cinco mil profesores e profesoras a tempo completo. Galicia, cun descenso do 6,1%, sitúase por riba da media, nunha lista encabezada por A Rioxa, Castela-A Mancha e Catalunya.
Nos últimos tres cursos o número de profesores e persoal investigador nas universidades da Coruña, Santiago e Vigo caeu en case 400 persoas. Ademais, o corpo galego de docentes é un dos máis avellentados de España: Segundo as estatísticas oficiais que ofrece o Ministerio de Educación, a porcentaxe de profesores e profesoras de menos de 35 anos en Galicia era en 2011 superior ao 7%; tres anos máis tarde é tan só do 4,6% (fronte a unha media do 7,3% no Estado). Pola contra, o profesorado de máis de 60 anos pasou do 14,7% ao 16,1% (superando en moito a media española: 14,6%).
Nos últimos tres cursos o número de profesores e persoal investigador nas universidades da Coruña, Santiago e Vigo caeu en case 400 persoas. Ademais, o corpo galego de docentes é un dos máis avellentados de España
Caen tamén os ingresos xerados pola investigación, por mor da caída no financiamento estatal e autonómico da I+D. O descenso medio foi do 30,61%, situándose Galicia por riba da media, cunha redución do 34,66%. Baleares, Murcia e Estremadura encabezan as caídas e só o País Vasco experimenta un leve crecemento. O gasto en I+D en Galicia foi de 469 millóns de euros en 2013, un recorte do 3,9% con respecto ao ano anterior, pero moito máis importante se o comparamos cos datos de 2010 (532 millóns) ou co máximo acadado en 2008 (584 millóns). En cinco anos o investimento en I+D descendeu 115 millóns de euros en Galicia, case un 20%. A pesar das leves subas dos dous últimos anos, o investimento da Xunta en I+D+i é hoxe un 15,5% inferior ao de 2009. Seis anos perdidos e en regresión.
En cinco anos o investimento en I+D descendeu 115 millóns de euros en Galicia, case un 20%
No conxunto de España crecen as taxas universitarias e descenden as bolsas e axudas públicas. A CRUE salienta qur segundo o estudo de Eurydice National Student Fee and Support Systems in European Higher Education, "España afástase do modelo continental de taxas gratuítas ou moi baixas". Dende o 2008 os prezos de matrícula disparáronse en Catalunya (de 802 a 1.954 euros), Madrid (de 801 a 1.751) ou a Comunidade Valenciana (de 650 a 1.249 euros). Galicia é a comunidade autónoma na que que menos creceron as taxas, pasando de 698 a 713 euros. Tan só Andalucía se achega ao sucedido en Galicia, tamén cun crecemento moi limitado dos prezos.
Galicia é a comunidade autónoma na que que menos creceron as taxas, pasando de 698 a 713 euros
En canto ás axudas ao estudo, a CRUE salienta que "o cambio do modelo de concesión de bolsas provocou que, malia a que existiu un aumento de beneficiarios destas bolsas (debido á crise económica), o importe destas axudas diminuíu máis de 50 millóns de euros desde 2012". Isto levou, lembra a CRUE, a que "a práctica totalidade das universidades públicas incorporaran aos seus orzamento dotacións destinadas a financiar axudas para garantir o principio de igualdade de oportunidades". No curso 2012/2013, 44 das 46 universidades públicas presenciais concedéronlles axudas aos seus estudantes por importe de máis de 134 millóns de euros, o que equivale ao 17% do total das axudas concedidas polo Ministerio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario