O Grupo
Femxa, a través da súa presidenta Patricia García, vén de
emitir un comunicado no
que se avalían os puntos fortes e as feblezas do noso sector das
novas tecnoloxías, o tecido TIC galego, achegándose unha serie
de claves para acadar un meirande crecemento os vindeiros anos, e
tamén, unha serie de previsións. Segundo se fai saber no informe, o
ámbito tecnolóxico-dixital galego vai xerar até 2.000 postos de
traballo a cabalo entre 2015 e 2016. A cifra, con semellar boa, sería
aínda mellor “se houbese mellores políticas de formación”.
Segundo fai saber Patricia García, “é certo que custa cubrir
moitos destes postos, por falta de persoal cualificado”.
No comunicado tamén se
informa da previsión dos sociólogos e expertos da Comisión Europea
para o sector TIC español. Este, dise, xerará 500.000 novos postos
de traballo, “dos cales o 90% crearanse en Galicia”. Asemade,
máis en detalle, engádese que só entre este ano en curso e o
seguinte o prognóstico é dun medre do 30% no sector, o que xerará
unhas 2.000 oportunidades de traballo en Galicia, sobre todo en
Santiago, A Coruña e Vigo. Os postos máis demandados son
programación en Java, programación en distintas plataformas para
comercio electrónico, desenvolvedores de aplicacións para móbiles,
expertos en virtualización, consultores e comerciais TIC, etc.
Para Femxa, como dixemos,
as cifras podían ser aínda moito mellores. Estas, sinala,
comezarían a acadarse con mellores políticas de formación. A xuízo
de Patricia García, “hoxe en día están a acontecer fenómenos
paradoxais tendo en conta o problema do desemprego en España, como
por exemplo que haxa postos de traballo que están a quedar sen
cubrir porque non hai persoas de abondo coa formación precisa para
poder cubrilos”. Isto, na súa opinión, demostra “a necesidade
dunhas políticas de formación aliñadas coas demandas de emprego”,
deste xeito, non ficarían vacantes sen atender”. Ademais, engade,
“o emprego xera emprego”, e cantas máis persoas ocupadas hai nun
país, máis servizos demandan e isto implica un crecemento económico
e laboral xeneralizado.
Para a presidenta de
Femxa, o gran reto arestora é dar formación a unha gran cantidade
de persoas en poucos anos, para poder achegar unha oferta laboral
axeitada ás ofertas que se crearán até o 2020. Unha oferta que a
nivel estatal distribúense da seguinte maneira: o 53% dos novos
empregos serán para especialistas en vendas e comerciais, o 33% para
enxeñeiros e o 21% para especialistas en TIC. García apunta como
“posíbel solución” a programación de cursos “totalmente
prácticos, impartidos por profesionais con experiencia de traballo
real na materia que teñan acreditada a súa capacidade como
formadores”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario