martes, 19 de maio de 2015

Sete de cada dez fogares galegos teñen Internet de banda larga

Os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) amosan unha porcentaxe de poboación galega con conexión a Internet de banda larga que se achega ao 70%. Ou sexa, que sete de cada dez fogares teñen o devandito servizo contratado, o que supón un incremento do 50% con respecto ao período 2010-2014. Así o reflectía a semana pasada a Axencia para a Modernización Tecnolóxica Galega (AMTEGA), que engadía que as anteriores cifras sitúan á nosa terra a catro puntos da media estatal.
No informe tamén se fan saber datos relevantes sobre o tipo de conexión e como foron mudando os nosos hábitos para accedermos á Sociedade do Coñecemento ao longo do último lustro. Así, a día de hoxe, un 82,9% accede a través de dispositivos móbiles, “1,2 puntos máis cá media estatal”, explica a axencia, que engade que a conexión a Internet a través de rede por cable ou fibra óptica sitúase nun 26,8%, 5,9 puntos máis que a media estatal (20,9%).
No que atinxe ao tamaño do hábitat, o organismo que dirixe Mar Pereira sinala que nos concellos con poboación de 20.000 a 50.000 habitantes, a media galega supera á estatal nos tres indicadores principais (vivendas con ordenador, con acceso a Internet e con banda larga). Así, a taxa de vivendas con ordenador acada case o 80%.
No informe A mocidade e as TIC do O Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) constátase tamén que a convivencia con nenos “inflúe positivamente” na contratación e uso de internet. Deste xeito, indícase, o 83,2% dos fogares galegos con rapaces de 3 a 16 anos dispón de servizo de Internet de banda larga, fronte ao 59,8% dos domicilios sen nenos. Segundo apunta AMTEGA, unha das conclusións máis salientábeis do estudo do INE é que por vez primeira Galicia supera a media estatal no uso de ordenador e de Internet no grupo de idade de 16 a 44 anos, que acada o 91%.
Polo que atinxe aos usos dos servizos de Internet, o 87,3% dos internautas galegos le ou descarga xornais ou revistas en liña, case 10 puntos porcentuais por riba da media estatal. Un 65,3% dos usuarios de Internet da nosa terra participa en redes sociais. Tamén é digno de mención o incremento no uso de servizos como a solicitude da cita médica a través da páxina web (case 14 puntos máis cá media estatal).

Ningún comentario:

Publicar un comentario