luns, 25 de maio de 2015

A riqueza per cápita de Galiza: 17 puntos por baixo da UE e 6 menos que a do Estado español

O Produto Interior Bruto por habitante en Galiza acada só ao 83% do promedio comunitario, segundo os dados da Oficina de Estatística da UE. E fica seis puntos por baixo da media do Estado español.

Por baixo da media da Unión Europea e da media do Estado español. O PIB por habitante en Galiza segue afastado tanto do promedio europeo coma do español, como confirman esta quinta feira os dados de Euostat, a Oficina de estatística comunitaria. Se a media de renda per cápita na UE é 100, Galiza fica no 83% desa riqueza, o que significa 17 puntos menos. Por comparar cos territorios da nosa contorna, Castela-León acada o 89%, Asturias o 84% e Cantabria o 86 por cento. Se a comparación facémola con Euskadi (122%), Madrid (128%) ou Catalunya (111%) a diferenza é abismal. De feito, o PIB por habitante en Galiza fica lonxe tamén da media do estado español. Se este é 100, nós estamos no 94, seis puntos menos.
En euros, o PIB per capita en Galiza sería de 19.900 euros. A media no Estado español é de 22.500 euros, case 3.000 euros máis. E na Unión Europea dos 28 supera os 26.600 euros, case 7.000 euros máis que o galego. Só, no marco do Estado español, territorios como Extremadura, Andalucía, Melilla, Ceuta, Castela-A Mancha e Murcia teñen peores dados que Galiza.
Ricos e pobres
E cales son os territorios con maior riqueza por habitante de Europa? Pois o Eurostat dinos que Londres, Bruxelas (Bélxica) , Hamburgo (Alemaña), Gröningen (Holanda) ou Estocolmo (Suecia) están nesa privilexiada clasificación. E as máis pobres? Pois os territorios de Ultramar franceses, e rexións de Bulgaria e Romanía.

Ningún comentario:

Publicar un comentario