xoves, 21 de maio de 2015

Denuncian que Castilla y León dá un paso atrás co galego no Bierzo

Publica unha orde na que designa ao galego como unha materia de libre configuración autonómica que debe ser estudada fóra do horario lectivo.

A Consejería de Educación da Junta de Castilla y León acaba de publicar unha nova orde na que relega ao galego a unha materia de libre configuración autonómica. Unha situación que, segundo Fala Ceive do Bierzo, supón un paso atrás para a consolidación do noso idioma neste territorio.
 
Con esta nova desiganción, o galego verá incrementado o seu horario das 30 horas semanais estipuladas a 33 ou 34. Así, o alumnado que escolla Lingua Galega terá tres horas máis en 1º de Bacharelato e 4 horas máis en 2 de Bacharelato. Unha medida que, por si, sería beneficiosa. O problema estriba en que, ao ser relegada a materia de libre configuración, o seu estudo está establecido en horas non lectivas, principalmente, polas tardes.
 
“Isto vai supor que muitos e muitas estudantes deixem de escolher esta matéria, devido as dificuldades e travas que se lhes impom. Aliás, o alunado que escolha esta opçom, irá a aulas enquanto os seus companheiros/as vam a “atividades complementárias” ou nom vam. A Língua Galega, fica, em resumo, à altura de guitarra, pintura, cozinha, kárate, patins, etc...”, denuncia Igor Lugrís, membro desta asociación.
 
De feito, na folla de matrícula para o próximo curso, xa se estabelce que en 1º de Bacharelato, lingua galega terá tres horas fóra do horario lectivo. Por iso, desde esta asociación piden que se anule esta decisión “que supom um ataque frontal contra os direitos dos e das galegofalantes do Bierzo”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario