mércores, 20 de maio de 2015

CPEIG, CPETIG e FEGAMP fan un chamamento a prol dunha Rede que defenda as liberdades fundamentais

Este domingo 17 celebrouse o Día Mundial de Internet e os nosos profesionais do sector non quixeron deixar pasar a oportunidade para facer un chamamento a prol de cousas como garantir o dereito á información e o acceso universal ao coñecemento. Nesta liña inseríronse os nosos CPEIG (Colexio Profesional de Enxeñaría e Informática de Galicia) e CPETIG (Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia), que xunto coa FEGAMP subscribiron a Declaración de Principios para Construír a Sociedade da Información, asinada en Xenebra (Suíza) en decembro de 2003, na primeira parte do Cumio Mundial sobre a Sociedade da Información.
Segundo informan os nosos colexios, as entidades locais que o desexen poden adherirse xa a esta declaración, que en liñas xerais, defende que o desenvolvemento da Sociedade da Información se centre no respecto ás persoas e na defensa dos dereitos e liberdades básicas, en diminuír a fenda dixital para evitar a exclusión ou marxinación dos individuos, en desenvolver todas as potencialidades das novas Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) e en potenciar e difundir o uso do galego. A FEGAMP, ao fío do devandito, xa habilitou na súa web o texto íntegro e o modelo de adhesión da devandita declaración.
Segundo engade o CPETIG, a intención deste peche de fileiras das tres devanditas institucións galegas arredor do manifesto non é outro que impulsar a defensa dos dereitos humanos, a democracia, a igualdade soberana de todos os estados, o bo goberno e o reforzo do imperio da Lei, tanto no plano nacional, como internacional. E continúan: “O fundamento da Sociedade da Información non pode ser outro que a liberdade de expresión e de opinión, incluído o dereito a investigar, a non ser discriminado por causa de opinións, a recibir información e opinións, e o dereito a difundilas a través de calquera medio de expresión, sen limitación de fronteiras”.
As entidades galegas, como dixemos, tamén quixeron facer un chamamento a prol da nosa lingua, sendo as redes, ao seu xuízo, unha palestra óptima para garantirlle futuro: “En data tan sinalada como este 17 de maio, Día das Letras Galegas e de Internet, consideramos esencial potenciar o emprego da lingua galega nas novas ferramentas que vai creando esa Sociedade da Información (uso dos dominios .gal, uso do idioma nas redes sociais e páxinas web, creación de novos aparellos e instrumentos telemáticos no noso idioma…), como elementos decisivos para a conservación e desenvolvemento futuro do galego na sociedade”.
Asinaron o manifesto José Manuel Rey Varela (Presidente da FEGAMP), Fernando Suárez Lorenzo (Presidente do CPEIG) e Marcos Mata Mansilla (Presidente do CPETIG).

Ningún comentario:

Publicar un comentario