venres, 22 de maio de 2015

Spotify adaptará a reprodución musical á nosa actividade física

Durante os últimos 7 anos Spotify conseguiu revolucionar o xeito de consumir música, de xeito que converteu o streaming nunha alternativa máis que solvente á descarga de cancións, superando os 25.000 millóns de horas reproducidas a través da súa plataforma, e agora, conscientes de que os dispositivos móbiles son os reis do consumo musical, decidiron evolucionar, adaptándose máis ao usuario segundo o momento de cada día.
Presentan así a páxina de inicio The Now, que presenta listaxes de reprodución aptas para as distintas horas do día, de xeito suxiren listaxe de temas en función dos nosos gustos e de seleccións elaboradas por expertos, para adaptarse ao noso estado de ánimo, de xeito que podemos ter unhas cancións para activarnos pola mañá e outras para concentrarnos durante o traballo.
Pero a novidade máis interesante do servizo musical é Spotify Running, que pretende axudar á práctica deportiva de xeito que, cando corremos escoitando música, o sistema aproveitará os sensores do móbil para medir o noso tempo, e así ir combinando cancións que se adapten tanto aos nosos gustos como á intensidade do noso adestramento. Durante o presente ano esperan poder integrar esta funcionalidade outras aplicacións como a de Nike+ ou RunKeeper, achegándose deste xeito aínda máis aos corredores habituais.
Pero Spotify non quere limitarse á música, e busca novas miras, de aí que presentase o seguinte:
- More Than Music: Spotify permitirá engadir clips de vídeo e programas de audio (podcasts) á mestura musical, de xeito que poderiamos combinar a reprodución musical con programas informativos ou de lecer que nos acompañen.
- Spotify Originals: a aplicación tamén contará con temas musicais creados en exclusiva para eles e especificamente para Spotify Running, xa que serían composicións que se adaptarían dinamicamente ao noso tempo, estando dispoñible inicialmente 6 destas pistas sonoras.
No que respecta ao vídeo, Spotify chegou a acordos con ABC, BBC, ESPN, NBCUniversal, TBS, TED, Vice News, Adult Swim, Fusion, Maker Studios e Condé Nast Entertainment para poder achegar os seus contidos a través da aplicación de Spotify.
O novo Now comezou onte a chegar a usuarios de iPhone nos EE.UU., Reino Unido, Alemaña e Suecia, abríndose paulatinamente a outros mercados, mentres que Spotify Running xa comezou a súa distribución global para iPhone.


Vídeo no que dan a coñecer as novidades de Spotify

1 comentario:

  1. Your article is very helpful.Everyday your blog inspire me a lot and helped to develop something new like I have developed a new app :spotify account this is great and enjoyable.Thanks for the awesome posts , please keep updated regularly.

    ResponderEliminar