A fenda dixital de xénero mantén ás mulleres en niveis de uso das TIC moi por baixo dos homes e da media estatal. 
As Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) semellan ser 
terreo alleo para as mulleres galegas maiores de 65 anos. O uso de 
ordenadores, Internet, teléfonos móbiles ou o do comercio electrónico 
ocupan un espazo moi reducido entre este colectivo. Os datos revelan 
unha 
alarmante fenda dixital de xénero en Galicia—é 
dicir, a diferenza de porcentaxes entre sexos respecto ós principais 
indicadores de uso de TIC— e unha fenda dixital xeográfica co resto de 
España.

Os datos ofrecidos polo 
Instituto Galego de Estatística —tomados da 
Enquisa sobre equipamento e uso de tecnoloxías da información e comunicación nos fogares, do 
Intituto Nacional de Estadística (INE)— son desalentadores, malia os esforzos que se están a facer desde os 
Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica,
 dependentes da Xunta, con case un cento de aulas repartidas por todo o 
territorio galego, ademais dos programas desenvolvidos por deputacións e
 concellos. Tanto no uso de ordenadores, Internet e dispositivos 
móbiles, como no acceso ao comercio electrónico, as galegas entre 65 e 
74 anos amosan un perfil moi baixo, con porcentaxes moi inferiores ás 
dos homes galegos e moi afastadas da media estatal.

En xeral, en España 
o uso que fan as mulleres das TIC é significativamente menor que o dos homes,
 exceptuando o caso dos móbiles, onde é parello, agás en Galicia. Os 
resultados indican que o teléfono móbil é o máis usado por este grupo de
 persoas en todo o estado, sendo os homes galegos de 65 a 74 anos os que
 máis destacan no uso destes trebellos, con porcentaxes lixeiramente 
superiores á media; porén, a diferenza do que sucede no resto de España,
 en Galicia se mantén a fenda de xénero no acceso a estes dispositivos.

Pola
 contra, o comercio electrónico aínda ten moi poucos seguidores entre as
 persoas maiores, sendo practicamente nulo entre as galegas, dato que 
contrasta co dos homes, cuxa actividade no eCommerce sobresae por riba 
da media estatal.

Só
 no uso do ordenador as nosas maiores están nunha situación case 
de igualdade coas súas semellantes doutras autonomías, pero tamén aquí, 
como no resto de apartados, se sitúan lonxe das porcentaxes acadadas por
 eles.
No caso de Internet, obsérvase que a súa penetración entre o 
colectivo de persoas maiores en Galicia é moi inferior á do resto de 
España, en xeral, sendo especialmente baixa, de novo, entre as mulleres.
 
Ningún comentario:
Publicar un comentario