“Queremos vivir en galego, como o fai no seu idioma unha cidadá de Albacete, de Burgos, de Mainz ou Estocolmo", defendeu en Santiago, ao termo da marcha, o presidente de Queremos Galego e da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira.
O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, defendeu desde a mobilización de Compostela a condición da nosa lingua como “garantía de futuro, para existirmos como pobo da mellor maneira posíbel, co mellor instrumento colectivo, o que foi creado por nós para avanzarmos en todos os ámbitos, no social, no económico, no político... É o noso principal elemento de identidade, de unidade e de cohesión como pobo”.“Queremos vivir en galego, como o fai no seu idioma unha cidadá de Albacete, de Burgos, de Mainz ou Estocolmo, sen trabas, sen trámites imposíbeis, cun ensino normalizado na súa lingua, sen negativas, nin limites, nin ausencias que só mostran odio”, reclamou Maceira na súa intervención na que denunciou aqueles ámbitos nos que se está a negar unha presenza normal da nosa lingua, como no ensino, nas empresas de atención telefónica ou na dobraxe dos filmes en galego.
O galego non é logotipo nunha bolsa de plástico
Maceiras situou no presidente da Xunta, Núñez Feixoo, a máxima responsabilidade da situación da nosa lingua xa que, ao seu ver, tería que ser o primeiro en saber que “renegar da lingua de Galiza é renegar do país, que non apoiar, promover, impulsar a lingua da Galiza, como é a súa obriga legal, é non apoiar o desenvolvemento humano, cultural, social e económico de Galiza, e que ir contra ela, como está a facer desde que chegou, é ir contra Galiza e pór en perigo o seu futuro”. Insistiu así na escisión entre a sociedade galega que quere unha lingua normalizada e vai pular por reverter o proceso de substitución da nosa lingua e a “oficialidade feixoniana e triste que despois de prohibir a palabra normalización, pretende facernos crer que defender o galego é pór un logotipo nunha bolsa de plástico”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario