mércores, 20 de maio de 2015

O conselleiro comprométese coa CIG-Ensino e o profesorado CELGA a no prazo dunha semana estudar a nova situación co fin de solucionar o conflito

O secretario nacional da CIG-Ensino e unha representación do profesorado CELGA esixíronlle ao conselleiro a readmisión dos e das docentes despedidos/as.

O conselleiro de Educación comprometeuse este luns 18 de maio, coa CIG-Ensino e profesorado CELGA, a no prazo dunha semana estudar a nova situación co fin de solucionar o conflito. Nesta xuntanza á que asistiron tamén o secretario xeral de Política Lingüística e o director xeral da asesoría xurídica, o secretario nacional da CIG-Ensino e unha representación do profesorado CELGA esixíronlle ao conselleiro a readmisión dos e das docentes despedidos/as, unha vez que diferentes tribunais do social e o TSXG xa teñen declarado 41 despidos nulos.

A CIG-Ensino tamén esixiu  a inmediata convocatoria dos cursos preparatorios CELGA e as respectivas probas para obter os diferentes títulos porque o seu retraso está causando graves perxuízos a numerosas persoas que o necesitan para presentarse a diferentes probas ou que teñen interese en coñecer e mellorar o uso do noso idioma.

Para a CIG-Ensino é totalmente inxustificable que a Consellería de Educación, a estas alturas, en lugar de aplicar as sentenzas, convocar os cursos que xa tiñan que estar iniciados e realizar as probas continúe sen darlle unha solución definitiva a este conflito e agravando a situación. Agardamos que por fin a consellaría se aveña as nosas propostas para dar unha solución definitiva a este profesorado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario