xoves, 21 de maio de 2015

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Nais e Pais polo Ensino en Galego (ou Familias polo Galego) xorde como un colectivo –vinculado á Mesa pola Normalización Lingüística– constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Isto implica a imposibilidade de escolarizar e socializar as nenas e nenos galegos na sua lingua.

OBXECTIVOS

O obxectivo fundamental do colectivo é conseguir o respecto dos dereitos lingüísticos das nenas e nenos galegos nunha etapa decisiva na adquisición e na consolidación do idioma. Como galegos e galegas desexamos ofrecerlles aos nosos fillos e fillas unha educación e unha primeira aprendizaxe na nosa lingua e a posibilidade de poder utilizala con naturalidade.
O papel do colectivo consiste en incidir no sector educativo e no entorno formativo –inicialmente na etapa infantil– para demandar a existencia de ensinanzas e actividades extraescolares en galego, conseguir a publicación e comercialización de materiais de aprendizaxe e lecer que fagan posíbel e natural esta formación e emprender iniciativas que sensibilicen e abran o debate na poboación e nas institucións sobre a importancia da transmisión e o mantemento da língua nos meniños.

MOTIVACIÓN

Alén da salvagarda dos dereitos lingüísticos dos nenos e nenas, outros factores como a riqueza formativa que lle supón a aprendizaxe en galego e mesmo o futuro da lingua fan necesaria a existencia dunha oferta de escolarización en lingua galega.
As positivas actitudes da poboación cara a ela reforzan estas ideas: tomando os datos do Mapa Sociolingüístico de Galiza e mais do Estudo sociolingüístico sobre a situación da lingua galega no Concello de Vigo, a nosa demanda fúndase, dunha banda, na inquedanza que provoca a perda do galego como lingua de transmisión interxeracional e mais a perda de terreo do galego como lingua habitual e, doutra banda, na demanda por parte dunha gran maioria da poboación de accións necesarias para fomentar o uso da língua.
Para alén disto, como a propia Xunta recoñece, o actual marco legal para o uso do galego nos centros de ensino non cumpre os seus obxectivos, pois “…non se está a cumprir o espírito, e tampouco a letra do Decreto. Isto concrétase no nulo ou escaso número de horas en que empregan o galego e ten a súa consecuencia no insatisfactorio nivel que se detecta por parte do profesorado dos ciclos posteriores” (resposta da Dirección Xeral de Política Lingüística a unha demanda da Mesa perante o Valedor do Pobo).

ÁMBITOS DE ACTUACIÓN

Na nosa actividade estamos a dirixirnos a todas aquelas entidades que participan no universo formativo, entendendo por tales tanto as que ofrecen unha educación regulada como non regulada, no sector público e mais no privado e nos colectivos implicados na formación escolar ou extraescolar de todos os niveis.
Inicialmente decidimos incidir no sector máis desleixado en canto ao uso da lingua por parte destas entidades: a educación infantil (0-6 anos). Así mesmo, pretendemos desenvolver un labor de sensibilización nos familiares e persoas do entorno dos nenos e nenas sobre a importancia e o valor que supón na formación dos cativos unha aprendizaxe en lingua galega.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario