xoves, 21 de maio de 2015

A Coruña é a provincia galega con maior violencia escolar

Unha tese doutoral da Universidade de Vigo revela que o boicot das clases é o principal problema recoñecido polo alumnado.

A violencia escolar é un foco de atención crecente nos últimos anos, existindo a idea de que asistimos a un fenómeno cada vez máis frecuente nos centros de ensino. Na súa tese de doutoramento, o psicopedagogo Enrique Álvarez decidiu investigar ata que punto esa percepción se correspondía coa realidade. Para facelo, realizou unha enquisa a case 5.000 estudantes de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) de centros de toda Galicia.
Os resultados apuntan a que o boicot das clases, a chamada disrupción na aula, é a principal forma de violencia recoñecida polos propios adolescentes. Dificultar as explicacións do docente co seu comportamento ou falando continuamente e non traballar nin deixar traballar aos compañeiros son as manifestacións máis habituais desta disrupción, provocada en maior medida polo alumnado que aproba todo. O estudo detectou tamén que A Coruña é a provincia con maior prevalencia de violencia escolar, mentres que a de Lugo é a que presenta índices máis baixos. Para axudar a atallar a conflitividade escolar, o investigador identificou as variables que axudan a predicir cada unha das posibles formas de violencia nas aulas, segundo informa Rosa Tedín no Diario da Universidade de Vigo (Duvi).
A investigación realizouse mediante unha enquisa a case 5.000 estudantes
A tese, dirixida por José Domínguez Alonso e Antonio López Castedo, levou por título Violencia escolar: variables predictivas en adolescentes galegos e foi presentada recentemente na Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense. “O propósito do estudo foi coñecer as posibles manifestacións da violencia en centros da ESO galegos desde o punto de vista do alumnado, coa única intención de avanzar na compresión do fenómeno para contribuír, na medida do posible, ao desenvolvemento de accións de intervención rápida para deter o proceso e para a prevención de situacións de violencia escolar”, comenta o psicopedagogo.
A investigación é froito de seis anos de traballo e baséase na realización dun cuestionario a 4.943 estudantes da ESO de 33 centros das catro provincias galegas, que voluntariamente cubriron o test de violencia escolar chamado CUVE3-ESO. Esta metodoloxía foi elixida porque, apunta o investigador, “a opinión do alumnado é básica e fundamental neste caso, xa que son eles os actores principais do proceso e os verdadeiros protagonistas das situacións de violencia que se xeran no día a día dos centros”.
Os resultados, recolle a investigación, indican que se ben o clima escolar é percibido positivamente en maior medida entre os membros das comunidades educativas en Galicia, os tipos de violencia escolar avaliados (violencia física, verbal, mixta, exclusión social, disrupción na aula e violencia a través das TIC) aparecen en maior ou menor medida nos centros de Secundaria galegos. No obstante, aínda que os valores atopados tenden a ser baixos, o problema é reportado en xeral como preocupante.
Pontevedra sobresae en exclusión social e Lugo como a provincia máis tranquila
A nivel xeral, sinala, sostense que existe unha relación inversa entre a gravidade da conduta violenta e a súa incidencia, sendo as máis graves as de menor frecuencia. Á vista dos resultados, apunta o investigador, “en relación ao tipo de violencia escolar máis habitual nos centros educativos da ESO galegos, destacan por riba da media a disrupción na aula, seguida da violencia física indirecta e da violencia do profesorado cara o alumnado. En canto á violencia entre o alumnado e a violencia física do alumnado, mantéñense na media, resultando menos habituais. Ademais, os tipos de violencia escolar menos habituais son, segundo os propios adolescentes, a exclusión social, a violencia do alumnado cara o profesorado e as ameazas entre estudantes, que se manteñen por debaixo da media.
En relación co lugar de residencia do alumnado, nunha primeira análise comprobouse como a provincia da Coruña é a de maior prevalencia de violencia escolar en todos os factores, excepto no factor exclusión social, que é maior na provincia de Pontevedra. Polo contrario, a provincia con menores niveis de violencia escolar en todos os seus factores é Lugo.
De igual forma, detectouse que o tipo de centro non marca grandes diferenzas en situacións de conflitividade, senón que son algunhas características propias dos centros as que poden reducir ou incrementar o desenvolvemento de comportamentos violentos, como a masificación de alumnado, a carencia de normas de comportamento claras, a orientación autoritaria do profesorado, a escasa organización escolar, a falta de transmisión de actitudes e valores, a aprendizaxe cooperativa inexistente, e sobre todo, a deficiente atención individualizada.
Os mozos involúcranse máis en agresións físicas e as mozas en “rumores e insultos”
O estudio tamén indica que existen diferenzas de sexo no nivel percibido de violencia escolar entre o alumnado galego. Así, os rapaces presentan maior nivel de violencia escolar nos factores violencia do profesorado cara o alumnado, violencia do alumnado cara o profesorado e ameazas entre estudantes, exclusión social e violencia física do alumnado. Pola contra, as adolescentes presentan maior nivel nos factores violencia entre o alumnado, disrupción na aula e violencia física indirecta.
“Isto permite afirmar que o sexo masculino atópase involucrado en situacións de violencia escolar de maior impacto social (agresións físicas) e o feminino en feitos de baixa intensidade (como rumores ou insultos)”, di Álvarez Roales. A investigación tamén comprobou que os maiores niveis de violencia escolar se presentan no alumnado repetidor ou no que suspendeu algunha materia. Non obstante, resulta destacable que as situacións de disrupción na aula son provocadas en maior medida polo alumnado que aproba todo.

Ferramenta didáctica

Na súa tese, o investigador fai unha síntese de cales son as variables que mellor predin cada tipo de violencia escolar. Así, por exemplo, identifica como preditores significativos da disrupción na aula a violencia do profesorado cara o alumnado, a violencia do alumnado cara o alumnado, a exclusión social, a violencia física do alumnado, a violencia física indirecta, o tamaño do centro, a idade, o sexo e o rendemento académico. Ademais, na tese o psicopedagogo deseña unha ferramenta didáctica para traballar a conflitividade nas aulas.
Nos espazos educativos, recalca Enrique Álvarez, “teñen existido sempre problemas de convivencia con maior ou menor intensidade e atención, que se trataron de resolver con medidas caracterizadas pola improvisación, a homoxeneidade e a improvisación”. Hoxe en día, subliña, a aparición de novas situacións violentas a nivel social teñen traspasado os muros dos centros educativos e téñense instaurado tamén neles.
A inmigración, as necesidade específicas de apoio educativo, a aparición de novas estruturas familiares, os constantes cambios sociais, a continua modificación das leis que regulan a educación, a aparición dunha nova sociedade da información e a comunicación teñen creado, xunto a outros factores, un caldo de cultivo para novas situacións de conflito nas aulas. Fronte a esta situación, esta tese, subliña o investigador, trata de proporcionar aos profesionais da educación, como piar básico do sistema educativo, “referencias próximas e un soporte teórico e metodolóxico máis consistente neste ámbito de investigación”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario