luns, 25 de maio de 2015

A banda larga medra nas cidades e vilas pero castiga ao rural

Esta semana o Ministerio de Industria publicou o seu Informe de cobertura de banda larga de 2015, co engadido extra de ter emprestado especial atención á cobertura na contornas rurais (as contornas, con diferenza, moito menos favorecidas a nivel de dispoñibilidade de servizos de telecomunicacións). Segundo se fai saber na investigación, un dos parámetros onde se experimentou máis crecemento (en termos xerais) foi na tecnoloxía 4G (unha tecnoloxía que se vai ver beneficiada aínda máis grazas á á dispoñibilidade da banda de frecuencias de 800 Mhz, tralo despexe do Dividendo Dixital). De feito, dise no estudo, o 76% dos españois dispón de cobertura de banda larga móbil 4G, fronte ao 48 % que recollía o informe de 2014.
Por outra banda, o 61% dos cidadáns teñen acceso á Internet de alta velocidade de 100 Mbps, “o que supón un aumento de 5 puntos porcentuais respecto de 2014 grazas ao crecemento da fibra óptica”, explícase no informe, o cuarta edición do estudo Cobertura de Banda Ancha en España que corresponde ao primeiro trimestre de 2015. Outro dato significativo que se fornece é o seguinte: a día de hoxe, o 85% da poboación ten acceso a Internet de 10 Mbps, ao que cómpre engadir que a cobertura de Internet a velocidade de 30 Mpbs é dun 65%.
Polo que atinxe ao rural, é onde de lonxe se acadan as peores cifras, as máis mellorábeis e as que máis deberan mover ás administracións a pór en marcha iniciativas de urxencia que emenden a situación (unha situación que non fan máis que agravar as xa existentes fendas socioeconómicas e de servizos que discriminan ao rural con respecto ás contornas urbanas). No informe dise que a cobertura na contorna rural de banda larga con velocidades de 100 Mpbs ou superior só chega a un 13,5% da poboación, fronte ao 61,06% en termos xerais, debido aos baleiros de tecnoloxías fixas de nova xeración, como HFC (híbrido de cable e fibra) ou FTTH (fibra óptica até o fogar), ou móbiles, como o 4G (LTE). Mentres que as tecnoloxías LTE chegan a un 76,3% dos españois en termos xerais, só cobren un 20,1% de contornas rurais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario