luns, 4 de maio de 2015

A CIG-Ensino denuncia que está a rematar o curso e Educación aínda non enviou aos centros o financiamento prometido e necesario para a implantación da FP Básica

Os centros seguen sen recibir as dotacións específicas para a implantación da FP Básica, malia estar comprometida pola Consellaría con cargo ao Ministerio e ao Fondo Social Europeo.

A CIG-Ensino denuncia a problemática que están sufrindo os centros ao non recibir aínda ningunha dotación específica para a implantación da FP Básica, malia estar comprometida pola Consellaría de Educación con cargo ao Ministerio e ao Fondo Social Europeo, segundo unha escrito enviado polo director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, en novembro de 2014, aos directores e directoras .

A falta de financiamento impide o normal funcionamento dos centros e pon en evidencia a  improvisación coa que se puxo en marcha a FP Básica, razón pola que a CIG-Ensino xa pediu a finais do curso pasado que se adiara a súa implantación.
Segundo puido comprobar a CIG-Ensino, a situación é tan esperpéntica que a algún centro incluso lle enviaron unha caixa con ferramenta "doméstica" (alicates, desaparafusador...) como dotación para o ciclo de Electricidade e Electrónica. A problemática é evidente porque os centros contaban con esta dotación e agora teñen que andar a sacala doutras partidas.

Diante desta situación, a CIG-Ensino esixe unha vez máis que a Consellaría de Educación dote os centros dos recursos e medios necesarios para impartir cun mínimo de calidade os ciclos de FP Básica.

Ningún comentario:

Publicar un comentario