57 delegados e delegadas de 41 federacións e confederacións, que integran a 11.026 asociacións de pais e nais do alumnado da escola pública, de todo o Estado, participaron o 13 de xuño en Zaragoza na XLV Asemblea Xeral de CEAPA que aprobou a modificación dos estatutos, a xestión e balances da actual Xunta Directiva e o plan de actividades para o curso escolar 2015-2016.
A esta convocatoria, celebrada no Hotel NH Hesperia Zaragoza, asistiron representantes das Federacións e Confederacións integradas en CEAPA e analizáronse as actuacións realizadas por esta confederación estatal durante o curso que finaliza, tanto formativas coma de participación nos diferentes organismos nos que está presente. Tamén se falou das actuacións reivindicativas e de especial preocupación para as familias integradas nas case 12.000 AMPAS ás que aglutina.Durante o curso que finaliza, CEAPA realizou varias campañas reivindicativas, entre as que cabe destacar a destinada a cuestionar a desinformación e o distinto modo de proceder das Consellarías de Educación dos diferentes territorios sobre a proba individualizada de 3º de Educación Primaria, xa que as instrucións dadas aos equipos directivos, e ás familias resultaron en ocasións contraditorias ou inexistentes, variando as consecuencias de non superación da proba segundo o territorio ou mesmo segundo o centro no que se realiza.
Tamén se destacou a asistencia de CEAPA ao 69 Congreso da FCPE, Federación estatal francesa de nais e pais coa que compartimos obxectivos e filosofía de escola pública, gratuíta, laica e universal. A FCPE é unha organización coa que se vai conformar nun futuro próxima unha fronte común a nivel europeo para realizar actuacións que melloren a educación e a participación de nais e pais na Unión Europea realizando reunións cos máximos responsables europeos en materia de educación.
Os representantes autonómicos asistentes á Asemblea de CEAPA manifestaron as inquietudes dos seus respectivos territorios coincidindo na necesidade de minimizar os efectos da aplicación da LOMCE ata que esta sexa derrogada tras as próximas eleccións tal como se comprometeron todos os partidos políticos que se encontran na oposición no Congreso dos Deputados, exceptuando UPyD e Foro Asturias.
Para o próximo curso, formúlanse actuacións en contra da proba de final de etapa en 6º de Educación Primaria polas súas consecuencias, a Formación Profesional Básica para que nais e pais non asinen o informe do Consello Orientador posibilitando así a permanencia dos seus fillos e fillas na ESO e a confección dun informe de CEAPA con argumentos para non formalizar matricula en ningunha relixión.
Así mesmo, expresouse un gran malestar pola carga de deberes que leva o alumnado e polas consecuencias negativas que ten tanto nos menores como nas relacións familiares. Isto supón a intromisión da xornada lectiva na vida familiar, implicando tamén unha carga económica que algunhas familias se ven obrigadas a ter que afrontar pagando clases particulares ou academias para evitar o que debería quedar resolto na escola, dándose con todo iso unha situación de desigualdade xerada polo propio sistema educativo
Do mesmo modo, a implantación da LOMCE en 2º, 4º e 6º de Educación Primaria así como en 1º e 3º de ESO e 1º de Bacharelato, nos enfronta á de compra de libros novos por parte as familias debido á vontade de boa parte do profesorado de cambiar os textos, en lugar de reutilizar os libros xa existentes ou de utilizar os recursos que ofrecen as distintas consellarías de educación. Esta situación, supón un malestar por parte de nais e pais debido á precaria situación económica de moitas familias, a redución ou supresión das bolsas e axudas para adquisición de material e a inmoralidade que supón que se faga un desembolso innecesario e inxustificado que unicamente beneficia ás editoriais.
As federacións e confederacións presentes cuestionaron a obrigatoriedade de compra dos libros de texto, posto que se a escolarización e a asistencia a clase é obrigatoria, non pode selo afrontar un gasto para exercer o dereito á educación, tal como recolle o artigo 27 da Constitución Española, polo que non se descartou a posibilidade de realizar unha insubmisión á compra de libros por parte das familias
Especial preocupación existe nas federacións e confederacións que compoñen CEAPA con respecto ao tema do acoso escolar sobre todo polos últimos acontecementos acontecidos no seo da comunidade educativa. Ante esta situación, CEAPA presentou no Consello Escolar do Estado unha Resolución para que se inste o MECD a convocar ao Observatorio Estatal da Convivencia Escolar, órgano destinado a analizar o estado da convivencia nos centros educativos e a realizar informes coa participación de representantes de toda a Comunidade educativa. Os plans de convivencia dos centros foron ineficaces na prevención do acoso tanto entre iguais coma entre diferentes membros da Comunidade Educativa. A isto sumouse a LOMCE coa imposición da autoridade do profesorado e as súas consecuencias negativas para a convivencia. O enfoque que ten esta lei, é o mesmo que o das leis de autoridade do profesorado aprobada en diferentes CCAA, que abandonan a formulación preventiva para lograr unha convivencia axeitada e se centran en medidas punitivas e de presión institucional cara ao alumnado, medidas que, como se demostrou, son totalmente ineficaces e contrarias ao que se supón que se espera conseguir.
Non podemos seguir mirando cara a outro lado ou desculpando condutas nin dende as institucións, docentes ou dende as familias e dende logo, CEAPA non o vai facer.
A Asemblea de CEAPA acordou esixir que se trace un Plan Nacional que aborde a convivencia escolar e a creación dun número de teléfono exclusivo para informar, asesorar e orientar de forma gratuíta durante as 24 horas de forma totalmente confidencial e sen deixar rastro na factura do teléfono. Así mesmo, acordouse confeccionar un protocolo de prevención e outro de actuación propio mediante un grupo de traballo composto por expertos en convivencia, nais, pais e alumnado que aborde dende a prevención e a actuación positiva e non punitiva a convivencia nos centros.
Especial interese suscitou na Asemblea o tema dos comedores escolares e a súa apertura durante todo o ano con independencia dos días lectivos, para combater as cifras en aumento de pobreza infantil, xa que esta poboación se encontra escolarizada e o mellor ámbito para garantir esa comida diaria é o comedor dos centros educativos.
Ante as múltiples anuncios que fixeron os futuros gobernantes de Comunidades Autónomas e Concellos comprometéndose a abrir os comedores escolares durante os días non lectivos, incluíndo o verán, para combater a pobreza infantil, CEAPA apela á seriedade e o compromiso que publicamente manifestaron, e anima a todos os gobernantes que van tomar posesión nos próximos días a que inclúan esta medida como a primeira a abordar para garantir que os menores teñan cubertas as súas necesidades básicas.
Tamén ocupou boa parte do debate a xestión dos comedores con duras críticas ás empresas que o fan mediante o sistema de liña fría. CEAPA considera que o comedor é un servizo tan importante que non pode estar en mans de empresas privadas, como o demostra o feito de que saian cada día noticias evidenciando os intereses económicos destas por enriba dos nutricionais dos menores e non está de acordo en que as AMPAS se convertan en empresas que xestionen os comedores esixindo que sexa a Administración correspondente a que se faga cargo deles, con xestión totalmente pública e compra de produtos de proximidade polos múltiples beneficios que supón.
A Xunta Directiva de CEAPA tomou boa nota das inquietudes transmitidas e traballará por elas, ademais de loitar contra todas as medidas que case a diario se aproban por parte dos gobernantes, que atacan a rede pública e, polo tanto a igualdade de oportunidades.
Ningún comentario:
Publicar un comentario