martes, 23 de xuño de 2015

121.500 persoas maiores viven soas na Galiza, un 10% máis do que hai 2 anos

É unha situación que viven principalmente as mulleres, que supoñen o 72% das persoas que moran soas nas súas casas.

O número de fogares con maiores de 65 anos que viven sós aumentou nun 9,6 por cento a respecto de 2013 e xa son 121.500 as persoas nesta situación en Galiza. O avellentamento da poboación, o abandono do rural, a perda de poboación... estes e outros elementos están a condicionar xa desde hai anos o mapa poboacional galego, tamén no que respecta á tipoloxía dos fogares.
Hai agora 10.700 maiores máis vivindo sós que hai ano e medio, cando esa cifra era de 110.800. Son dados da Enquisa de Fogares do INE, que tamén indican de maneira clara que esta situación afecta moito máis as mulleres. Desas 121.500 persoas que superan os 65 anos e que viven soas, 88.000 son mulleres, o 72% do total. Hai ano e medio eran menos de 79.000. Os varóns supoñen o 28%, 33.400 persoas.
Desas 121.500 persoas que superan os 65 anos e que viven soas, 88.000 son mulleres, o 72% do total
Unha cifra a destas persoas que viven soas, 121.500, que é superior á poboación de 5 das 7 principais cidades galegas. Semellante á de Ourense. Como se nesa cidade todas as súas casas, pisos, adosados... estivesen ocupados por maiores de 65 anos que viven sós.
No noso país o 24,1% dos fogares, case un de cada catro, son uni-persoais. Estamos falando de 259.000 vivendas, das cales, como dixemos, 121.500 están habitadas por maiores. Nas 137.600 restantes os seus inquilinos teñen por baixo dos 65 anos. A principal tipoloxía que hai na Galiza é o de fogares onde viven 2 persoas (son o 31%), se ben o IGE sinala que son as vivendas habitadas por parella cun fillo ou filla os máis abundantes, cun 33,2%.

Ningún comentario:

Publicar un comentario