martes, 30 de xuño de 2015

"Sorprende que a discriminación do galego se debata na ONU e non no Estado"

"Foi algo histórico; a primeira vez no que se trata o tema do galego na ONU". Así se expresa Marcos Maceira, presidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística, poucos minutos antes de coller o avión que o trae de volta a Galicia desde Xenebra. Alí, xunto con representantes doutras entidades da Rede Europea para a Igualdade das Linguas (ELEN) no Estado español, volveu denunciar o xoves ante o Consello de Dereitos Humanos das Nacións Unidas a discriminación "sistémica e institucionalizada" e os ataques sufridos polo idioma propio e os seus falantes.
"Sorprende que a discriminación do galego se debata na ONU pero non no Estado nin polo Goberno que debería ser quen reaccionase"
Logo da presentación en xaneiro dun relatorio onde se concretaban as vulneracións dos dereitos humanos "polo simple feito de utilizar" unha lingua propia no seu territorio, as Nacións Unidas avaliaron a reacción de España ás queixas no marco da segunda Revisión Periódica Universal sobre o respecto dos dereitos humanos. "Contrasta e sorprende que a discriminación do galego se debata na ONU pero non no Estado e por parte do Goberno central, que debería ser quen reaccionase para que estas cousas non ocorresen". Refírese á cantidade de exemplos discriminatorios cos galegofalantes en Galicia e que se incluíron no informe presentado ante as Nacións Unidas.
"Persoal da propia ONU e representantes dos diversos Estados alí presentes achegáronse a nós interesándose polo tema, intentando coñecer detalles e sorprendidos, nalgúns casos, por que se tivesen que facer esas denuncias", relata Maceiras, que destaca o sorprendente do caso. Mentres outros membros da diplomacia se preocupan pola situación, a embaixadora española, Ana María Menéndez Pérez, non fixo unha soa referencia aos dereitos lingüísticos na súa resposta ás intervencións das entidades sociais e dos Estados membros.
Á marxe do que o Executivo inclúa no seu informe, a representante limitouse a defender a acción gobernamental ante a crise económica ou polémicas normativas como a Lei Mordaza e a asegurar que "a Constitución española recoñece a liberdade ante a lei a todas as persoas sen discriminación por relixión, sexo, raza, opinión ou calquera outra condición". Nin unha palabra da morea de casos discriminatorios relacionados con falantes de galego, catalán, éuscaro, asturiano ou aragonés.
A embaixadora do Estado non fixo referencia ningunha á situación lingüística malia o informe presentado por ELEN
"Xa da outra vez que se presentou o informe de ELEN o Estado non fixera mención ningunha, malia que tiña o texto diante e toda a información ao sue dispor", lamenta Maceiras, que cre que o que agora falta é que, ademais de denunciar en organismos internacionais, tamén desde Galicia a xente se decate da discriminación do idioma e "se dea pulo" á reivindicación para "lograr que o galego se normalice cada vez máis". "Todo dependerá do impulso social", asegura.
Agora queda a resolución sobre as recomendacións da ONU para que España actúe en diferentes ámbitos. Maceiras non é tan optimista con accións contundentes, máis aló das advertencias de palabra ou das reivindicacións de entidades sociais ou países. "Non parece posible que un Estado vaia moito máis aló contra o Goberno central", di. Non obstante, o presidente d'A Mesa cre que "visualizar o problema e a situación do galego en institucións e salas tan solemnes" como a do pasado xoves non é máis que positivo. "Agora no país tamén temos que tomar nota", remata.
A ELEN solicita á UE que "abra un procedemento de infracción contra España por violar normas comunitarias contra a discriminación"
ELEN si que irá máis aló. Considera esta "discriminación" contra as linguas oficiais diferentes do castelán, así como contra o aragonés e o asturiano, "completamente inaceptable e debe cesar de maneira inmediata", polo que instou o Consello dos Dereitos Humanos da ONU, co apoio dos Estados membros, a "tomar medidas útiles para garantir o cesamento da discriminación lingüística contra os falantes de idiomas autóctonos en territorios baixo soberanía española".
Ademais, solicita á UE que "abra un procedemento de infracción contra España por violar as normas comunitarias contra a discriminación incluída na Carta de Dereitos Fundamentais, a Directiva sobre Igualdade Racial, así como outras medidas".

Ningún comentario:

Publicar un comentario