A fenda segue como estaba. O pasado 2014 foi o primeiro ano completo co
Plan de Dinamización Demográfica da Xunta en vigor, un plan nacido
entre a polémica por ser despachado nun
trámite parlamentario de apenas catro horas e que, como calquera medida neste ámbito, formula obxectivos a medio prazo. Mentres o Goberno galego promociona este plan con
controvertidas campañas para instar a poboación a ter fillos e desprega, ao tempo, iniciativas como un plan
semellante ao desaparecido Preescolar na casa, o ritmo de nacementos segue a tendencia decrecente iniciada co estourido da crise económica.
O INE fixo públicos estes luns os datos demográficos correspondentes ao
ano 2014 e indica que durante o pasado ano naceron en Galicia pouco
máis de 19.600 nenas e nenos, cen menos que en 2013 e un 15% que en
2008, ano no que rematou a leve recuperación da natalidade no país,
experimentada nos anos da bonanza económica.
Tras aquel período
de leve alza, iniciado a finais dos 90 e impulsado por, entre outros
factores, a chegada de inmigración, a caída foi sostida ano tras ano, e
especialmente pronunciada entre 2012 e 2013.
A foto fixa do número de nacementos non é alentadora, moito
menos se é posta en perspectiva xunto a outro dato: o da mortalidade.
Nun contexto no que, como amosa Eurostat, o crecemento vexetativo
galego por cada 1.000 habitantes é dos peores do continente, o INE
ratifica que neste indicador o resultado galego é, con diferenza, o máis
negativo do Estado. Tras tres décadas con máis mortes que nacementos
nesta ocasión os saldo vexetativo é de -10.299 persoas, só un chisco
menos que en 2013, cando morreron 10.701 persoas menos das que naceron
no país.
Todo isto sucede nun contexto no que durante o ano 2014 naceron en
Galicia só 7,2 nenas e nenos por cada 1.000 habitantes, un dato no que
só está por tras Asturias, que ficou en 6,3. Mentres, a taxa bruta de
mortalidade en Galicia chega aos 10,9 falecementos por cada 1.000
habitantes, a terceira maior taxa do Estado.
O INE amosa,
asemade, outro dato no que Galicia está na media: a esperanza de vida ao
nacer é xa de 83 anos, a mesma que na media estatal e superior á de
nove comunidades autónomas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario