martes, 30 de xuño de 2015

Feijóo e Castelao: De eloxiar o rei a xustificar o recorte ao galego no ensino

Castelao como base para case todo. O presidente da Xunta  presidiu este domingo, como cada 28 de xuño, o acto de imposición das Medallas Castelao. E, como case cada ano, Alberto Núñez Feijóo aproveitou o evento para flexibilizar a figura do histórico político, artista e intelectual ata adaptala á axenda política do Goberno e do partido que o sustenta. Nesta ocasión o xefe do Executivo apoiouse en Castelao para atacar os alcaldes das mareas. Con independencia de que dous deles, os da Coruña e Ferrol, estivesen presentes no acto, Feijóo cargou contra a súa aposta por non participar oficialmente en actos relixiosos invocando á "humildade" de Castelao a respecto das "tradicións". Os novos rexedores ocuparon no discurso presidencial un lugar que noutros anos estivo reservado, por exemplo, para inzar de eloxios a figura do rei ou a xustificar a viraxe da Xunta en materia lingüística ou identitaria.
No ano 2009, na primeira cerimonia das Medallas que lle correspondeu presidir a Feijóo, o evento cadrou en plena controversia polos plans do PP para recortar a presenza do galego no ensino, como finalmente sucedeu. Naquel acto o presidente identificou a Castelao, e os galeguistas históricos en xeral, con quen "desbotan a tentación de convertérense en dirixentes de cativos cenáculos gobernados por dogmas inflexibles". Entre mencións a personaxes como Nelson Mandela ou Barack Obama apelou a "superar a tentación de facer do galeguismo un reduto selectivo", ou "unha distinción que algúns reparten con avaricia". "Os problemas identitarios -proclamaba- existen e se agudizan nos pobos privados de liberdade", pero "non naqueles que disfrutan dunha democracia". Isto, subliñaba, convertía en obriga "revisar presupostos nados en tempos en que o país non tiña voz".
Nas súas primeiras Medallas Castelao Feijóo asegurou que os "problemas identitarios" só existen nos "pobos privados de liberdade"
Tras a edición de 2010, nas que o discurso presidencial tivo mencións ao Xacobeo que se celebraba aquel ano, no electoral 2011 Feijóo chegou a ligar a Castelao con Gerardo Fernández Albor, ex presidente da Xunta por Alianza Popular. Fíxoo explicando que, mentres Castelao asinara a finais dos 40 un artigo -Feijóo falou de "manifesto"- titulado Perante a Unión Europea, Albor presidiu como eurodeputado "a comisión encargada de impulsar o achegamento das dúas alemañas. Un ano despois, en 2012, Feijóo chamou dende San Domingos de Bonaval a non buscar "inimigos fóra" e deu por seguro que os primeiros pasos da autonomía galega, nos anos 80, supuxeron que "o soño de Castelao empezaba a cumprirse".
Feijóo adoita aproveitar este acto para apelar a conceptos como "galeguismo harmónico", "galeguismo de pensamento" ou "galeguismo integrador"
Neste contexto, un dos discursos de Feijóo sobre Castelao que resultou máis controvertido foi o do pasado 2014, cando a entrega das Medallas se produciu poucos días despois da coroación de Filipe de Borbón como novo rei de España. Dende o Panteón de Galegos Ilustres o titular da Xunta colmou de eloxios a Monarquía: a Coroa, explicou, abeirou "o establecemento do autogoberno, o incremento do benestar, o asentamento da nosa identidade e o florecemento da nosa cultura". Tamén a "superación dos traumas do pasado" tras un tempo no que os "caprichos da historia", en referencia ao golpe franquista e a Guerra Civil, impediron que os "ideais" de Castelao" se puidesen "cumprir na desafortunada República".
Ademais de adaptar a figura de Castelao ao argumentario político do momento, este acto solemne adoita ser o marco no que Feijóo adxectiva dun ou doutro xeito o concepto do "galeguismo". Así, por exemplo, en 2009 o presidente apelou ao "galeguismo cordial" e "harmónico", condicións que naqueles días adoitaba atribuírlle ao bilingüismo. En 2011 distinguiu entre "galeguismo de pensamento", "galeguismo de acción" e galeguismo "que divide", e en 2012 falou do "galeguismo integrador". Na edición de 2013 sinalou que o galeguismo ten que ser "universal" e non "coñecer fronteiras", mentres que en 2014 glosou un "galeguismo aberto" nunha "España unida".

Ningún comentario:

Publicar un comentario