xoves, 18 de xuño de 2015

"As reválidas no ensino primario son indecentes"

Cartel contra as reválidas A LOMCE estableceu a realización de probas finais de avaliación -reválidas- en 3º e 6º de Primaria, e ao remate da ESO e do Bacharelato, uns exames que crearon unha notable controversia entre a comunidade educativa, no profesorado, nos sindicatos e forzas políticas e tamén en expertos en Educación e Pedagoxía. Neste curso xa se levou a cabo a proba para os nenos e nenas de 3º de Primaria, o que espertou críticas e un movemento que exerceu un significativo boicot. O vindeiro ano, segundo o calendario previsto, realizaríase o primeiro exame dos alumnos e alumnas de sexto de Primaria, e no curso 2016-17 chegarían as probas en 4º da ESO e 2º de Bacharelato, estas dúas últimas en formato de tipo test, o que tamén foi moi cuestionado.
Felipe Trillo é profesor de Didáctica na USC, e foi decano da Facultade de Ciencias da Educación nesta universidade, e tamén presidente da Conferencia de Decanos e Directores de Maxisterio e Educación das universidades de España. Xa hai meses, nun interesante artigo publicado en El Correo Gallego, criticaba a "cultura performativa" e a obsesión polos resultados cuantificables e cuestionaba a aplicación destas probas en Primaria, sinalando por exemplo que, se o que se procura é a mellora da calidade, "tal vez sería mellor investir menos na avaliación (de efecto diferido e dilatado no tempo) e investir máis na mellora das condicións de desenvolvemento (de efecto directo e inmediato)".
"A proposta de probas estandarizadas é netamente administrativa, non é unha proposta pedagóxica. Non ten por obxecto mellorar os procesos de ensino e aprendizaxe, senón que busca mellorar a conta de resultados"
Como valoras dende un punto de vista pedagóxico as probas de avaliación estandarizada propostas para 3º e 6º de Primaria, ESO e Bacharelato? 
A proposta de probas estandarizadas é netamente administrativa, non é unha proposta pedagóxica. Non ten por obxecto mellorar os procesos de ensino e aprendizaxe, senón que busca mellorar a conta de resultados, acadar as cifras que -segundo as verdades estatísticas- sitúen o conxunto do sistema educativo nun lugar máis favorable nos rankings nacionais e internacionais. En calquera caso, eu fago unha distinción por niveis educativos. A que está prevista para a ESO podería cumprir esa función diagnóstica e de orientación, para ter un elemento de xuízo que oriente un rapaz pola vía máis académica ou pola vía do coñecemento práctico; sen empregar eufemismos: polo Bacharelato ou pola formación profesional. E, ao remate do Bacharelato, este tipo de probas tamén poden cumprir unha función clasificatoria ou selectiva. O Bacharelato non é un ensino obrigatorio, e un mozo ou moza desa idade pode asumir unha proba deste tipo e o seu resultado, que o poña fronte a un espello.
Porén, no ensino primario este tipo de probas son indecentes. Juan Manuel Escudero Muñoz di que "sen a imprescindible reflexión ética é posible, tal vez, conseguir unha formación máis eficaz, rendible e excelente, pero posiblemente tamén máis inhumana, inxusta e antidemocrática”. E, efectivamente, pode que por este camiño atopemos o que estabamos buscando; outra cousa é se isto é o que tiñamos que buscar. É dicir, podemos conseguir rendibilidade ou excelencia, pero o resultado será inxusto. A ideoloxía liberal do señor Wert vai por este camiño: ese 'tanto rendes, tanto vales' pode parecer aceptable nun programa de doutoramento ou nun grao universitario, pero resulta completamente indecente no ensino primario. Esquecen que a esas idades os factores externos condicionan moito e así o principio de equidade desaparece, e iso é eticamente reprobable.
"Resulta completamente indecente no ensino primario. Esquecen que a esas idades os factores externos condicionan moito e así o principio de equidade desaparece, e iso é eticamente reprobable"
As probas finais de ESO e Bacharelato serán 'tipo test'. Que efectos sobre a aprendizaxe ten este tipo de exames? Pode favorecer un coñecemento máis fragmentado ou memorístico?
Eu estou radicalmente en contra destas probas. Aínda que é certo que este tipo de probas obxectivas melloraron moito: desta maneira pódese construír unha proba obxectiva que teña na secuencia das súas preguntas unha estrutura narrativa na que o avaliador sexa quen de recoñecer o proceso de reconstrución do coñecemento dende a primeira pregunta á última. Isto non é doado de facer e poucos o conseguen, e non sei se as previstas para o remate do Bacharelato se configuraron deste xeito. O habitual é que unha proba obxectiva implique unha fragmentación de coñecementos que pode facilitar estratexias de preparación de exames baseadas no recoñecemento da pregunta.
"As dúbidas veñen sobre todo polo uso que a administración fai ou pode facer desa información, polo uso perverso que se pode facer deses resultados"
O profesor Sánchez Salorio dicía que tal como están indo as cousas pronto os estudantes universitarios non saberán escribir e só saberán marcar cun 'X'. Escribir é a mellor maneira de organizar o pensamento, de ser capaz de reconstruír un discurso dun xeito persoal, cunha estrutura narrativa. As probas tipo test facilitan evidentemente a corrección e tamén o realizar unha medición estandarizada. Pero eu non falaría de avaliación estandarizada, porque medir e avaliar son dúas cousas distintas. As medicións estandarizadas poden ter a súa razón de ser para as macrocifras, e para a administración pode ser interesante, para saber como están indo as cousas, para ter unha foto fixa. Pero non son particularmente pedagóxicas, porque o pedagóxico constrúese dende a individualización, sobre o recoñecemento da individualidade. As dúbidas veñen sobre todo polo uso que a administración fai ou pode facer desa información, polo uso perverso que se pode facer deses resultados.
Hai unha obsesión polos resultados cuantificables que determina todas as políticas?
Hai un concepto para iso, que se chama performatividade, que é como o definiu Stephen Ball, que fala da obsesión polos resultados medibles e cuantificables, e que vén explicar como este plantexamento se apropia da alma da xente, que inmediatamente se empeña en acadar uns resultados que estean dentro duns indicadores aos que se lles outorga valor. É unha cultura simplificadora, que se move nas macrocifras. Trátase de quedar nunha boa posición nos rankings internacionais e a maior parte da xente está entrando polo aro, o que ten efectos no funcionamento dos centros, que comezan a competir entre eles coma se fosen empresas privadas. Pode ser rendible, eficaz e excelente, como dicíamos antes, pero dende logo tamén é inhumano e antidemocrático. Responde ao recoñecemento, relativamente recente, de que a formación é rendible para o desenvolvemento económico; hai que asegurar determinados niveis de desenvolvemento e para iso necesítase ter persoas cualificadas, que desenvolven unhas determinadas capacidades. Iso está viciándoo todo.
"Este plantexamento aprópiase da alma da xente, que inmediatamente se empeña en acadar uns resultados que estean dentro duns indicadores aos que se lles outorga valor"
Tamén se critica que certas clasificacións, coma as do Informe PISA, ou nas propias reválidas de Primaria, se prima unicamente a aptitude en lingua e matemáticas, relegando todas os demais coñecementos. Que efectos ten iso?
Implica retroceder no recoñecemento de que existen diferentes ámbitos de competencia, e de que todos poden ser valiosos; pode haber diferenzas de valor, pero iso non quere dicir que algúns carezan del. Nós vimos dunha cultura na que había por unha banda materias importantes, serias, e pola outra había marías. Progresivamente puidemos avanzar algo na dirección de incrementar a importancia da educación física, da plástica, da música. Nunca competiron con matemáticas ou lingua, pero o que pasa é que agora esta diferenciación se sacraliza. “O que importa é saber disto, e todo o demais non importa, ou importa decididamente menos”, parece dicirse.
"Hai que poñerse de acordo nun común denominador, nun programa de mínimos que non entre a regular polo miúdo os detalles dunha política curricular que tenta controlalo todo e que despois ao final non o consegue"
É evidente que hai problemas no ensino. Como se avanza na súa solución? Debemos chegar a un consenso sobre as políticas educativas, un acordo que implique a todos os actores da comunidade educativa, expertos, forzas políticas...?
Calquera con dous dedos de fronte clama por un pacto pola educación, para evitar o actual carnaval de leis. Non é doado, pero sería desexable, e creo que a cidadanía debería ser quen de trasladarlles aos políticos a demanda de que en certos asuntos de interese xeral hai que chegar a acordos. Hai que poñerse de acordo nun común denominador, nun programa de mínimos que non entre a regular polo miúdo os detalles dunha política curricular que tenta controlalo todo e que despois ao final non o consegue. Isto é moi difícil facelo cando un entra a redactalo con visións sectarias do tipo 'isto é imprescindible que estea aquí' ou 'isto é inaceptable que estea'. Así é imposible poñernos de acordo. Sería necesaria unha certa ecuanimidade á hora de seleccionar contidos. E do mesmo xeito en canto ás metodoloxías didácticas: pode haber unhas recomendacións, pero non se lles pode dicir aos profesores como deben traballar nas súas aulas.
"Os profesores son a pedra angular do sistema educativo. E este sistema das probas estandarizadas vén expresar unha desconfianza sobre os mestres do sistema educativo público"
Cal é o papel que debe cumprir o profesorado?
Hai unha frase que di que 'os profesores marcan a diferenza'. Os profesores son a pedra angular do sistema educativo, son insubstituíbles, coma os médicos son a pedra angular do sistema sanitario, por moi sofisticado que sexa o aparello que acabamos de mercar. E este sistema das probas estandarizadas vén expresar unha desconfianza sobre os mestres do sistema educativo público. Seguramente hai algún mestre do que podemos desconfiar, pero baixo ningún concepto pode estar en cuestión o conxunto da clase docente. Como se mellora a acción do profesorado? Pois promovendo unha cultura de colaboración dentro dos centros, que reforce o sentido de pertenza e o compromiso nun proxecto compartido coa comunidade educativa, e nisto non se está traballando. E cunha serie de funcións que podería cumprir a inspección educativa e que non están cumprindo, como é a supervisión.

Ningún comentario:

Publicar un comentario